Pestanas principais

Biduído acollerá unha nova edición do festival SolporSon coa presenza de A Quinkillada, Jinetes del Trópico e Señora DJ

Xoves, 15 de xuño de 2023

O sábado 8 de xullo terá lugar, no campo da festa de Biduído, unha nova edición do SolporSon de Ames. A festa arrincará ás 22:00 horas, e ata as 3:00 da madrugada sucederanse as actuacións de A Quinkillada, Jinetes del Trópico e Señora DJ. Poñerase a disposición dos asistentes un servizo de autobús para acudir e volver do festival. A entrada será libre e gratuíta. 

O campo da festa de Biduído acolleu, esta mañá, a presentación do SolporSon de Ames 2023. Nela participaron a concelleira de Xuventude en funcións, Escarlata Pampín; a técnica de Xuventude, Pili Villaverde; Uxío Lorenzo Castrelo, en representación da empresa Luxcofuxco Eventos SL, organizadora e produtora do festival; e os artistas A Quinkillada e Señora DJ.

A concelleira de Xuventude en funcións, Escarlata Pampín, sinalou que “estamos ante a cuarta edición deste festival, unha iniciativa que se adaptou a uns tempos pandémicos e que despois foi sufrindo distintas modificacións, incluíndo as peticións que nos chegaban dende a poboación máis moza. Estamos seguros de que vai ser unha xornada de festa fantástica e agardamos que a nosa xuventude desfrute moito”. Nese sentido, a concelleira en funcións destacou que “tratamos de organizar e programar en liña coa escoita activa á poboación moza. Esta concellaría sempre ten a porta aberta”.

Así mesmo, Escarlata Pampín fixo fincapé na importancia de “apostar polos grupos de mozos e mozas que ensaian no local da Factoría, así como por traer ao rural a nosa programación. Esta iniciativa naceu en Biduído e seguimos apostando por traer a cultura, a festa e propostas atractivas ao rural”.

Pola súa banda, a técnica do departamento de Xuventude, Pili Villaverde, dixo que “esta actividade xa forma parte do panorama musical do verán. Imos xa pola cuarta edición e esperamos seguir medrando e que sexan moitas máis. É un festival distinto ao que se programa habitualmente no concello e tamén fóra. Contamos con público que quere escoitar música en galego, de aquí, e que se sente a gusto con esta programación. Traemos grupos de distintos estilos e estamos moi satisfeitos co programa”. A técnica quixo tamén destacar os puntos clave da iniciativa: “potenciar os grupos de aquí, o uso da Factoría, o galego e o rural”.

Tamén interviu na presentación Uxío Lorenzo, en representación da empresa organizadora, LuxcoFuxco Eventos, que sinalou que “en Galicia temos moitos grupos e moi bos, e foi moi complicado facer unha selección e pechar o cartel. Tiñamos unha lista moi grande e finalmente optamos por estes tres grupos, que contan con cancións espectaculares”.

SolporSon 2023
Este ano, o SolporSon 2023 celebrarase o sábado 8 de xullo, e arrincará ás 22:00 horas. O enclave escollido para celebrarse é, novamente, o campo da festa de Biduído de Abaixo. Ao longo dunhas cinco horas irán pasando polo escenario A Quinkillada, Jinetes del Trópico e Señora DJ; e a festa rematará arredor das 3:00 horas. Haberá servizo de autobús dende O Milladoiro e Bertamiráns tanto para ir como para volver do festival.

Dende o grupo A Quinkillada defínense a si mesmos como “a sinerxia entre a maxia da verbena galega e a forza dun festival con toda a frescura dunha banda nova” e sinalan que a mestura de ritmos latinos coa rumba máis quinki fará que baile todo aquel que se deixe levar polos seus temas. A banda, conformada por Rodri Martínez, Yago Oliveira, Suso PF, Byktor G., Daniel Acuña e Rubén Valverde, que se uniron como resposta artística ao peche da pandemia que privou á cidadanía dos concertos en directo.

Valverde, que acudiu á presentación, expresou que “buscamos que nos escoiten dende os máis pequenos ata os máis maiores, e que desfruten todos. A Quinkillada naceu buscando abarcar ao público en xeral. Todo o mundo está invitado”.

Pola súa banda, Jinetes del Trópico é un grupo de “cumbia, reggaeton antimachista e punk tropical” nacido en Mos, cuxas cancións reflicten compromiso, creatividade, amor, festa e soños dos seus compoñentes.

Señora DJ, a última das apostas do SolporSon, ofrecerá distintos estilos de música. Raquel Rodríguez, a muller que se atopa detrás do pseudónimo, explicou que a súa traxectoria persoal arrincou fai seis anos, cando as súas amizades a convidaron a tocar nun primeiro festival que marcaría os inicios da súa carreira. Así mesmo, Rodríguez quixo resaltar que “hai moi poucas mulleres DJs” e fixo un chamamento “ a todas as mulleres para que se poñan aos pratos, algo que ademais de divertido é necesario”.

Imaxe da presentación do SolporSon 2023

Multimedia

  • Cartaz do SolporSon
  • Imaxe da presentación do SolporSon 2023