Pestanas principais

Biduído e Agrón súmanse aos “Seráns de Ames” con música e xogos

Mércores, 26 de xuño de 2024

O programa de verán “Seráns de Ames”, desenvolvido por primeira vez no 2021 na praia fluvial de Tapia, aumenta nesta edición as súas propostas e engade coma sedes as parroquias de Biduído e Agrón, ampliando deste xeito a programación. O departamento de Bibliotecas, coa colaboración do de Mocidade, Cultura e Normalización Lingüística, organiza un conxunto de oito actividades que se reparten entre catro parroquias, e que terán lugar todos os xoves de xullo e agosto a partir das 19:00 horas. Premendo nesta ligazón pódese consultar o cartaz dos “Seráns de Ames”.

O campo da festa de Agrón acolleu esta mañá a presentación dos “Seráns de Ames”, unha programación de verán para todos os públicos que volve por terceiro ano consecutivo. Como novidade, este ano contarase con Biduído e Agrón como sedes, repartindo así entre catro parroquias os oito xoves de xullo e agosto nos que haberá actividades para todos os públicos a partir das 19:00 horas.

Ao acto asistiron o responsable do departamento de Bibliotecas, concelleiro de Cultura e Normalización Lingüística e alcalde de Ames, Blas García; e a concelleira de Educación e Mocidade, Carmen Porto, así como o persoal técnico dos departamentos implicados.

Abriu a presentación o propio Blas García, que puxo en valor o traballo entre departamentos para realizar programas de calidade. Así mesmo, tamén sinalou que “un ano máis mantense a filosofía destes seráns, levando a festa e a cultura ao rural do concello, e incorporando este ano dúas novas localizacións; Biduído e Agrón”. Nesta liña, afirmou que a intención é incluír novas localizacións do rural en vindeiras edicións. Ademais, destacou que “esta é unha programación moi variada, con oferta para todos os públicos, que inclúe artistas tanto de Ames como da contorna”.

Pola súa banda, a concelleira de Educación e Mocidade, Carmen Porto, destacou que “desde o noso departamento quixemos dar impulso ao local da Factoría, non só incluíndo a Biduído na programación, senón tamén coa actuación do grupo Sr Salvaje, que naceu neste local”.

Os “Seráns de Ames”, todos os xoves de xullo e agosto a partir das 19:00 horas
Os “Seráns de Ames” desenvolveranse ao longo dos oito xoves de xullo e agosto, alternando propostas cada semana entre a praia fluvial de Tapia, a carballeira de Bugallido, e os campos da festa de Bugallido, Biduído e Agrón. Deste xeito, as actividades comezarán o xoves 4 de xullo, ás 19:00 horas, coa lectura en Tapia do pregón inaugural da programación, que realizará a escritora e xornalista amesá Paula Señarís, e coa actuación deseguido do grupo As Maianas.

O xoves 11 de xullo será a quenda de Biduído, co concerto de Sr. Salvaje ás 20:00 horas no campo da festa, mentres que o xoves 18 Bugallido acollerá o espectáculo de danza-circo “A vida tola de Pajarito”, ás 20:00 horas, no campo da festa.

Xa en agosto, o xoves 1 terá lugar na praia fluvial de Tapia a sesión de xogos “Xogos do Paporrubio” ás 17:30 horas, e o espectáculo de títeres “Varietés do Animalario”, ás 19:30 horas. Pola súa banda, o xoves 8 ás 20:00 horas, o campo da festa de Agrón acollerá o espectáculo de versións musicais de “A banda de Nash”. As actividades en Bugallido rematarán o xoves 22 na carballeira coa Foliada do programa Apego, que incluirá a actuación musical de Pablo Díaz e Olga Kirk, ás 19:00 horas. Por último, a programación remata o xoves 29 en Tapia, co monólogo de Manolo Boquete ás 19:00 horas.
 
Premendo nesta ligazón pódese consultar o cartaz dos “Seráns de Ames”.

Novas relacionadas:

-El Correo Gallego: "Apego, música más títeres en unos Serán de Ames que llegarán a Tapia, Biduído, Agrón y Bugallido"

-La Voz de Galicia: "Los Seráns de Ames suman Biduído y Agrón como sedes"

Biduído e Agrón súmanse aos “Seráns de Ames” con música e xogos

Multimedia

  • Biduído e Agrón súmanse aos “Seráns de Ames” con música e xogos
  • Biduído e Agrón súmanse aos “Seráns de Ames” con música e xogos