Pestanas principais

Biduído tinguirase de cor e de música trap no SolporSon 2022

Luns, 27 de xuño de 2022

O sábado 9 de xullo realizarase, no campo da festa de Biduído, unha nova edición do SolporSon de Ames. A festa arrancará ás 18:30 cunha Holi Party, trátase dun espectáculo participativo no que lanzarán 150 quilos de po de cores ao ritmo marcado polos DJ´s Dumore e Enter. Despois da festa tomará o relevo Boyanka Kostova, considerados os pioneiros do trap en galego. Para asistir haberá servizo de buses dende O Milladoiro e Bertamiráns tanto para acudir como para volver á Holi Party e ao concerto.

O campo da festa de Biduído acolleu, esta mañá, a presentación do SolporSon de Ames 2022. Unha edición que chega con importantes novidades e co obxectivo de responder ás demandas da mocidade amesá. Na presentación desta edición 2022 participaron Escarlata Pampín, concelleira de Mocidade; Pilar Villaverde, técnica de Mocidade; Alberto Beiro, director de Go Proyect e DJ Enter, un dos DJ máis aclamados do panorama nacional e que participará na Holi Party.

Segundo a concelleira de Mocidade, Escarlata Pampín, este Solporson 2022 é froito das demandas da rapazada. “É unha edición que está pensada en base ás suxestións que nos chegan da mocidade. Dende a Holi Party que realizou a Comisión de festas de Ortoño en 2019 a mocidade trasladounos que tiña ganas de máis, que querían unha Holi Party. Entón quixemos darlle unha volta ao SolporSon deste ano e que comezara con esa Holi Party tan demandada”. E engadiu “Dábanos pena quedarnos nesa Holi Party e non poder desfrutar de música ao vivo entón xurdiu a idea de facer un concerto de Boyanka Kostova para pechar a festa e desfrutar da música deste dúo que vai sorprender coa súas cancións cheas de retranca”.

Con todo, a concelleira nos se esqueceu da esencia coa que naceu o SolporSon que foi darlle pulo aos grupos que ensaian na Factoría ao longo do ano “Estamos argallando a posibilidade de facer un festival exclusivo para os grupos que ensaian na Factoría para darlles esa difusión e dar a coñecer o seu traballo e a súa música. Este ano era moi complicado darlle encaixe coa Holi Party pois había moitas complicacións técnicas pero antes de que remate o verán terán o seu propio festival”.

O SolporSon 2022 vai ter dúas partes moi ben definidas como explicaba Alberto Beiro, director de Go Project. “A Holi Party é un evento moi participativo e que funciona moi ben entre a mocidade. Dende a organización lanzaremos 150 quilos de pos para que a xente remate chea de cor. Son uns pos biodegradables e que non fan ningún tipo de dano, simplemente aseguran a diversión. Será un espectáculo moi grande con dous DJ´s de primeiro nivel: Dumore, que é un dos DJ máis aclamados do panorama nacional e DJ Enter que pincha nas mellores salas de Galicia. Ao remate da festa e tras un paro de media hora comezará BoyanKa Kostova moi coñecido pola mestura de cumbias con música electrónica”.

DJ Enter aproveitou a presentación para darnos unha pincelada do que será a súa actuación “Pincharemos música urbana que é o que lle gusta á mocidade e tamén música latina pero sobre todo haberá moita animación para que a mocidade salte, baile e se manchen uns aos outros”.

SolporSon 2022
O campo da festa de Biduído acollerá este ano unha nova edición do SolporSon de Ames. Será o 9 de xullo de 2022 cunha Holi Party e cun concerto de Boyanka Kostova.

A festa dará comezo ás 18:30 cunha Holi Party. Ao longo de tres horas haberá tiradas programadas de pos de cores para que a mocidade desfrute saltando, bailando e manchándose uns aos outros. O espectáculo de cores completarase coa sesión de dous dos DJ´s máis aclamados do panorama nacional Dumore e Enter.

Ás 22:30 chega a quenda da música en directo co concerto de Boyanka Kostova. Cibrán García e Chicho son considerados os pioneiros do trap en galego, coas súas cancións encherán a parroquia de Biduído dos seus ritmos urbanos e das súas letras cheas de retranca galega.

Para asistir ao festival haberá servizo de buses dende o Milladoiro e Bertamiráns co obxectivo de que a mocidade poida acudir e volver á Holi Party e ao concerto sen necesidade de utilizar vehículo propio.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Boyanka, DJ Enter e DJ Dumore o 9 no SolporSon amesán"

Biduído tinguirase de cor e de música trap no SolporSon 2022

Multimedia

  • Biduído tinguirase de cor e de música trap no SolporSon 2022
  • Biduído tinguirase de cor e de música trap no SolporSon 2022
  • Biduído tinguirase de cor e de música trap no SolporSon 2022