Pestanas principais

Blas García é elixido alcalde de Ames cos votos do PSdeG-PSOE

Sábado, 17 de xuño de 2023

Esta mañá desenvolveuse o pleno de constitución da nova Corporación municipal do Concello de Ames para o mandato 2023-2027. Blas García foi elixido alcalde de Ames co apoio dos 8 concelleiros e concelleiras pertencentes ao grupo político do PSdeG-PSOE. Despois de realizar a votación para ditaminar o novo alcalde, a decana do pleno, María Mercedes Martínez Carballeira, foi a encargada de entregarlle o bastón de mando a Blas García. A sesión plenaria celebrouse no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. O pleno foi emitido por streaming e pódese ver a súa gravación na canle de Youtube do Concello de Ames.

O pleno de constitución da nova Corporación comezou arredor das 12:00 horas da mañá. A mestra de cerimonias durante a primeira parte do acto foi a secretaria municipal, Rosa Ana Prada Queipo, que nomeou aos 21 concelleiros e concelleiras elixidos nas eleccións municipais do pasado 28 de maio. A continuación, constituíuse a Mesa de idade formada pola concelleira decana do pleno, María Mercedes Martínez Carballeira, e pola edil máis xoven, Carmen María Porto Rey.

De seguido, realizouse o acto de acatamento á Constitución dos/as concelleiros/as electos/as. Tralo xuramento de todos os concelleiros/as, a Corporación municipal queda formada do seguinte xeito: 8 concelleiros/as do PSdeG-PSOE, 7 concelleiros/as do Partido Popular, 5 concelleiros/as do BNG e 1 concelleira de Ames Espazo Común.

A continuación, realizouse unha votación nominal na que cada concelleiro e concelleira tivo que votar por algún dos candidatos á Alcaldía. En principio había catro candidatos/as a alcaldía: Blas García do PSdeG-PSOE, Oliva Agra do Partido Popular, David Santomil do BNG e Luísa Feijóo de Ames Espazo Común, pero antes da votación, David Santomil e Luísa Feijóo, renunciaron a ser candidatos á Alcaldía, polo que finalmente houbo dous candidatos: Blas García e Oliva Agra.

Entrega do bastón de mando
Durante a votación Blas García foi votado polos 8 concelleiros e concelleiras pertencentes ao grupo político do PSdeG-PSOE. Os/as 7 edís do Partido Popular de Ames votaron pola súa cabeza de lista, Oliva Agra, mentres que os/as 5 concelleiros do BNG e maila concelleira de Ames Espazo Común, abstivéronse. Ningún dos dous candidatos obtivo maioría absoluta, de xeito que quedou proclamado automaticamente o concelleiro que encabeza a lista que obtivo o maior número de votos populares que foi Blas García.

Despois de realizar a votación para ditaminar o novo alcalde, a decana do pleno, María Mercedes Martínez Carballeira, foi a encargada de entregarlle o bastón de mando a Blas García.

Por último, os voceiros do grupos municipais con representación na nova Corporación municipal tiveron ocasión de dedicarlles unha palabras ao público asistente e ás persoas que seguiron o pleno a través da canle de Youtube do Concello de Ames. A intervención completa de cada voceiro/a pódese ver premendo nesta ligazón. A partir de agora empeza a contar o prazo dun mes para que se desenvolva o denominado pleno de organización.

Intervencións dos/as voceiros/as dos grupos municipais
A primeira en intervir foi a concelleira de Ames Espazo Común, Luísa Feijoo, que destacou “Ames Espazo Común xurde da necesidade de darlle voz a quen sempre a debeu ter, de volver a ilusionar ao electorado desencantado e desenganchado da política actual. Din que non son bos tempos para a política, pero nós sabemos que hai outro xeito de facer política, unha política para as persoas e unha política con maiúsculas, esa que serve para mellorar a vida da veciñanza, afastada de intereses partidistas e sobre todo de intereses persoais e personalistas. Queremos levar a cabo un proxecto social, interactivo, participativo, onde toda a veciñanza ten o seu espazo. A cidadanía volta a pedir entendemento, negociación, pero sobre todo é o momento da responsabilidade e do compromiso coa veciñanza de Ames. Non é momento para medallas, senón que é momento de traballar. Realizaremos unha oposición leal, construtiva, sen esquecer a acción fiscalizadora sobre a xestión do goberno. Por iso o noso compromiso e o noso pacto é coa cidadanía, onde nós seremos a súa voz no Concello”.

De seguido, interviu o voceiro do BNG de Ames, David Santomil, que dixo “creo na política das boas persoas. Creo no diálogo e creo na autocrítica. Non creo naqueles que eliminan a quen discrepa como método para impor as súas decisións. Hoxe é un día triste para Ames. Quizais o acto de investidura no que menos xente hai neste auditorio. A decisión do PSOE de Ames de gobernar en minoría con 8 de 21 concelleiros/as é lexítima, mais socialmente considerámola un erro e un engano. Ames foi exemplo de entendemento das esquerdas, de estabilidade, de colaboración e de acordos. Agora o partido socialista, lonxe da maioría absoluta, rompe co diálogo e sen negociación algunha, preséntanos a versión 2.0 do goberno en solitario de Carlos Fernández de 2007, pero cun concelleiro menos e cun equipo menos solvente que daquela. Hoxe vivimos unha volta ao pasado e á vella política. Non entenderon que Ames pagou un prezo moi caro por aquela decisión. O tempo dará e quitará razóns. O BNG de Ames dende hoxe pasa a ser oposición. Retirei a miña candidatura á Alcaldía conscientes de que a candidatura máis votada accede á Alcaldía mais non o fará co noso apoio. Deséxolle sorte e acertos ao novo goberno, que tamén serán os acertos do pobo de Ames”.   
         
A continuación interviu a voceira do Partido Popular, Oliva Agra, que en primeiro lugar felicitou ao novo alcalde. “Parabéns Blas. Moita sorte nos próximos catro anos, porque os teus acertos serán beneficiosos para toda a veciñanza de Ames. Blas fuches o que tiveches un maior apoio da veciñanza e iso é unha enorme responsabilidade. Entendo que sexas ti o alcalde porque o teu partido foi o que gañou as eleccións e como defendemos a lista máis votada é a que ten que gobernar, sen recorrer a pactos de despacho en contra das urnas e co único obxectivo de entrar nun goberno. O maior capital que ten Ames son os seus veciños e veciñas e por iso traballar por elas e das mellores cousas que podemos levar as persoas que estamos en política. O mandato que comezamos agardo que sexa moi similar ao pasado, un mandato na que a maior parte dos acordos se tomaron por unanimidade, porque se se chega a ese resultado é porque antes houbo unha negociación previa entre os depositarios da confianza da cidadanía. A política é falar dende a discrepancia, pero sempre dende o respecto. A política municipal ben entendida debe basearse nos maiores consensos posibles. O verdadeiro protagonista e beneficiario debe ser o veciño. O noso lema e obxecto deste mandato vai a ser negociar para chegar a acordos co obxectivo de mellorar a vida dos nosos veciños”.

Intervención do alcalde
Pechou a quenda de intervencións o alcalde, Blas García, que destacou “hoxe comezamos unha nova etapa á fronte do Concello cun goberno monocolor que non é un goberno en soidade, porque conta co apoio de gran parte de veciños e veciñas de Ames que viron nas nosas siglas a mellor das formas de facer política. Fai oito anos comezamos unha senda de diálogo, compromiso e amabilidade que é un dos sinais de identidade na gobernabilidade de Ames. Hoxe ese diálogo, compromiso e amabilidade colle se cabe aínda máis forza e sentido neste novo camiño onde precisaremos de todas as mans para seguir facendo o Ames que queremos. E esas mans non só van a ser a dos membros da Corporación que hoxe nos sentamos aquí. Esas mans que nos teñen que axudar a seguir construíndo un concello moderno e referente teñen que vir das asociacións, colectivos e organizacións que conforman o tecido asociativo de Ames. Todas e todos temos que traballar xuntos, unidos e formar un goberno de cooperación. Díxeno moitas veces e volvo a repetilo, eu quero ser o alcalde de todos os amesáns e as amesás, independentemente do que pensen, sintan ou votaran”.

Ademais, dixo “temos moitos retos por diante, moitos proxectos que desenvolver. Temos que comezar a traballar nunha política de vivenda pública, que atenda as necesidades das persoas mozas, pero tamén daquelas familias que necesitan un fogar. Tamén hai que poñer en marcha políticas de mocidade coa mocidade, nas que sexan as mozas e os mozos os que estean no centro, e participen activamente do seu desenvolvemento. Hai que seguir coidando e atendendo aos nosos maiores, con políticas de envellecemento activo, e sobre todo poñendo en marcha o programa de loita contra a soidade, así como un espazo no que poder comezar a conciliar as familias con maiores a cargo. Tamén temos que continuar apostando pola formación para o emprego, e apoiando aos novos emprendedores e aos comerciantes. Por último, hai que traballar para conseguir novas infraestruturas e servizos que son moi necesarios: humanización do Milladoiro, complexo deportivo, polideportivo, mercado municipal, centro multifuncional, zonas verdes, etc. moitos destes proxectos xa están en marcha”.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Blas García asume en solitario la alcaldía de Ames para el PSOE con críticas del BNG"

El Correo Gallego: "Blas García recibe el bastón de mando de Ames"

AMS GO!: "Reaccións á decisión de gobernar en solitario dos socialistas. Todos os grupos antepoñen o interese da veciñanza á confrontación ideolóxica"

Blas García é elixido alcalde de Ames cos votos do PSdeG-PSOE

Multimedia

  • Imaxe do pleno de constitución da nova Corporación municipal do Concello de Ames para o mandato 2023-2027