- Tematica
Este xoves, 8 de abril, celebráronse dous plenos extraordinarios no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. No primeiro, Santiago Márquez Noya tomou posesión do cargo de concelleiro. Pasa a formar parte do grupo municipal socialista dentro da Corporación municipal. A continuación, Blas García foi elixido alcalde de Ames co apoio dos 13 concelleiros e concelleiras pertencentes aos grupos políticos do PSdeG-PSOE, BNG e Contigo Podemos. Despois de realizar a votación para ditaminar o novo alcalde, o ex-alcalde de Ames e novo delegado do Goberno, Jose Miñones, entregoulle o bastón de mando a Blas García, que amosou o seu compromiso de seguir traballando a diario para dotar de estabilidade ao Concello de Ames, e para tratar de mellorar as infraestruturas e dotar de servizos de calidade á veciñanza de Ames.
O pleno extraordinario para a elección do novo alcalde comezou co primeiro tenente de Alcalde, David Santomil, dando conta das renuncias á alcaldía de Luísa Feijóo (PSdeG-PSOE); Genma Otero (Contigo Podemos); e da súa propia renuncia como cabeza de lista do BNG ás eleccións municipais de 2019. Deste xeito, quedaron como candidatos á alcaldía: Blas García (PSdeG-PSOE); Ramón García Argibay (Partido Popular); Enrique Costas (Ames Novo) e José Ramón Oulego (Ciudadanos). No transcurso do propio pleno, Enrique Costas, de Ames Novo, renunciou a súa candidatura, quedando tres candidatos polos que tiveron que votar os 21 concelleiros e concelleiras que forman a Corporación municipal.
A votación para elixir ao novo alcalde foi nominativa e cada un/unha dos/as concelleiros/as tivo que votar por algúns dos tres candidatos: Blas García (PSdeG-PSOE); Ramón García Argibay (Partido Popular); e José Ramón Oulego (Ciudadanos). Deste xeito, os 13 concelleiros/as dos grupos municipais do PSdeG-PSOE, BNG e Contigo Podemos votaron por Blas García. Os seis concelleiros/as do grupo municipal popular votaron por Ramón García Argibay, mentres que Enrique Costas abstívose, e Jose Ramón Oulego votou pola súa candidatura.
Trala votación, para ditaminar o novo alcalde, o ex-alcalde de Ames e novo delegado do Goberno, Jose Miñones, entregoulle o bastón de mando a Blas García, que amosou o seu compromiso de seguir traballando a diario para dotar a Ames de estabilidade, e para tratar de mellorar as infraestruturas e os servizos que precisa a veciñanza de Ames.
Intervención dos voceiros/as
Trala elección do novo alcalde, abriuse unha quenda de intervencións para os/as voceiros/as dos distintos partidos políticos con representación na Corporación municipal.
O primeiro en intervir foi Jose Ramón Oulego, de Ciudadanos, que dixo “hoxe presentei a miña candidatura á Alcaldía, aínda que as posibilidades eran exiguas, porque quero aplicar as políticas de Ciudadanos, que son facer políticas para a cidadanía, facer que as axudas cheguen a quen as necesiten, aplicar políticas que alivien a carga fiscal dos cidadáns, facer políticas de emprego, políticas que fomenten a atracción de empresas ao noso concello, políticas que fomenten a igualdade entre a cidadanía e para que se rompan os teitos de cristal e se lle dea visibilidade ás mulleres”. Tamén recoñeceu “o moi loable esforzo da concelleira de Servizos Sociais na loita pola igualdade da muller e tamén por darlle visibilidade a doenzas da muller como recentemente se fixo coa endometrose, que é unha doenza que sofren moitas mulleres en silencio. Así o recoñece a veciñanza. Sen dúbida ese non é o recoñecemento que outorga máis poder, pero dende logo é o recoñecemento máis empoderante”.
A continuación interviu Enrique Costas, de Ames Novo, que manifestou “no pleno de investidura de 2019 xa dixen que o Goberno municipal ía ter o apoio de Ames Novo en todo aquilo que fosen políticas progresistas e que estariamos en contra de todas as accións do goberno que considerásemos que foran menos progresistas. Isto volvín a dicirllo estes días a Blas, ao novo alcalde. Agora tan só podo volver a reafirmarme nese compromiso adquirido hai case dous anos e que implica traballar en todo aquelo que implica facer políticas a prol da maioría social de Ames e sobre todo desas persoas que podemos considerar menos privilexiadas e que menos teñen, por tanto das que máis necesitan da institución municipal. Quero amosarche Blas toda a miña lealdade e apoio, pero tamén toda a miña critica cando sexa necesario”.
Por parte de Contigo Podemos interviu a súa voceira, Genma Otero, que agradeceu a presenza no pleno de Jose Miñones, ex-alcalde e novo delegado do Goberno. “Hai xa case seis anos, no pleno de investidura de 2015, poñía en valor as fórmulas de cogobernanza plurais, onde os intereses colectivos primaran por encima dos interese partidistas, individuais e persoais. Hoxe dende Ames amosamos que esta fórmula de cogobernanza si que funcionou e queremos que así siga sendo. Hoxe quero agradecerlle a todos e todas as compañeiras de goberno a súa labor diaria, xa que fai posible ese entendemento, ese traballo conxunto e coordinado para dar resposta ás demandas da nosa veciñanza. Hoxe tamén quero darlle o meu apoio ao meu compañeiro Blas García, co cal levo compartindo espazos e xuntanzas nos últimos seis anos é que apostou de xeito moi forte por este trigoberno”.
De seguido foi a quenda de David Santomil, voceiro do BNG. “O Concello de Ames como institución por riba de todo”. Así comezou a súa intervención David Santomil, que continuou dicindo “Continuidade, normalidade, lealdade institucional e política, foron os termos máis repetidos durante estas dúas últimas semanas de infarto, de cambio repentino e de adaptación aos mesmos. Así o queremos os veciños e veciñas de Ames. Non están os momentos actuais, no medio dunha pandemia, para andar con liortas, xa que a veciñanza amesá o que quere é que tiremos para diante todos/as xuntos/as, nunha situación que lle esta tocando vivir a esta xeración e que recordaremos ao longo da historia. O que funcionou e funcionaba ben, debe a seguir a funcionar ben. Dígoo porque somos coparticipes todos e todas. Aquilo que non funcionou ben debe mellorarse para tratar de que funcione, tendo en conta que podemos cometer erros como cometemos a diario. Despídome con catro termos: talante, colaboración, humildade e confianza, que temos que ter dende os tres grupos municipais que formamos este goberno”.
Ramón García Argibay, voceiro do Partido Popular, doulle os parabéns ao novo alcalde en nome de todo o grupo municipal popular. “Non vai ter unha tarefa fácil, pero ningún alcalde, nin concelleiro/a, e incluso me atrevo a dicir que ningún político, ten unha tarefa fácil na actualidade. Por iso un acto como o de hoxe ten que servir para ensalzar ás persoa que se dedican de algún xeito á vida política, e por suposto, ao que hoxe sae elixido como novo alcalde de Ames. Ademais, hoxe é o día de reivindicar a vida municipal. Eu creo que cando se inicia unha nova etapa como comeza agora o novo alcalde, iniciase con folgos renovados e cunha forma de pensar distinta, polo que creo que hai que darlle unha oportunidade. Polo que dende o grupo municipal popular tendémoslle a man para tratar de consensuar moitas ou algunhas das iniciativas que se van levar a cabo. Apostamos polo diálogo para tratar de chegar a acordos como nalgúns momentos se fixo”.
Intervención do novo alcalde de Ames, Blas García
Rematou a quenda de intervención o novo alcalde de Ames, Blas García, que tivo palabras de agradecemento para a súa familia, para os integrantes do grupo municipal socialista e para o persoal municipal. Tamén saudou aos/ás representantes das asociacións veciñais que asistiron ao pleno de investidura e ás/aos representantes que non puideron vir, así como ao resto de colectivos municipais e aos compañeiros e compañeiras da Corporación municipal.
Blas García destacou que “a política serve para moito máis que para a crítica, a liorta ou o cabreo. A política serve para cambiar a vida das persoas e en momentos coma este é cando debemos de amosarlle á cidadanía que estamos aquí para traballar por e para eles, para nada máis. Temos que centrarnos en ser máis útiles, máis serios e máis responsables, deixando de lado os xogos políticos e partidarios para traballar todos e todas xuntas pola nosa cidadanía”.
Ademais, apostou pola continuidade do traballo feito nos últimos seis anos e tamén apostou por traballar de forma conxunta e en unidade. Tamén apostou polo diálogo tendéndolle a man aos partidos da oposición “para que antepoñamos sempre o interese de Ames e dos e das amesás a calquera política partidista. A miña porta estará sempre aberta á veciñanza, como xa o estivo nos últimos anos. A participación será un eixe fundamental que rexerá a política deste goberno, xa que é por vós por quen estamos aquí, e é algo que sempre debemos ter presente”.
Por último, destacou o seu “compromiso, e deste goberno que agora encabezo, de seguir traballando a diario para que poidan vivir o mellor posible, dándolle as infraestruturas e servizos de calidade que precisan, pero tamén algo moi importante nestes momentos: estabilidade”.
Toma de posesión de Santiago Márquez
Previamente ao pleno extraordinario para a elección do novo alcalde, ás 20.00 horas, realizouse un pleno extraordinario e urxente, para a toma de posesión do concelleiro Santiago Márquez Noya, que pasa a formar parte do grupo municipal socialista dentro da Corporación municipal.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Blas García es ya el quinto regidor de Ames en democracia y promete talante"
La Voz de Galicia: "Blas García toma posesión como alcalde de Ames anunciando continuidad, diálogo y trabajo"
Lindeiros: "Chamadas ao diálogo interno no toma de posesión de Blas García como novo alcalde de Ames"
Compostela 24 horas: "El socialista Blas García, nuevo alcalde de Ames gracias al apoyo de su partido, BNG y Contigo Podemos"
La Voz de Galicia: "Blas García mantiene sus áreas de gobierno de Ames y Luisa Feijóo asume su tenencia de alcaldía"
Revista Ames Go: "Blas García, novo alcalde de Ames"
Lindeiros: "Alcaldes, Blas García, Ames"
Revista Ames Go: "Blas García promete rúa e contacto coas veciñas e veciños como alcalde"