- Tematica
O alcalde, Blas García, vén de reunirse co Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, para analizar os proxectos, inversións e servizos que o Goberno de España mantén no municipio. A esta xuntanza celebrada esta mesma mañá na Delegación do Goberno en A Coruña, asistiu tamén o concelleiro de Urbanismo, Víctor Fernández.
Delegación e Concello de Ames acordaron crear unha comisión de seguimento e supervisión da obra de humanización do Milladoiro para así incrementar o ritmo de execución da mesma. Lémbrase á cidadanía que, para calquera consulta relacionada coas obras, ten á súa disposición a oficina de obra situada na rúa das Palmeiras, número 83, parcela A1 – parque empresarial Novo Milladoiro - Ames (A Coruña), entre as 9:00 e as 13:00 horas, e entre as 15:00 e as 19:00 horas de luns a venres. O teléfono de contacto é 881 817 218. Así mesmo, dispoñen do correo electrónico milladoiro@eptisa.com, no que poderán realizar reclamacións, incidencias ou suxestións asociadas coas obras de humanización da travesía do Milladoiro.
Por outra banda dende o Concello pediuse a mediación da Delegación do Goberno para a cesión do antigo tramo ferroviario Fraiz – A Moniña, solicitado a Adif en numerosas ocasións dende o Concello de Ames. Esta antiga reclamación responde á vontade do Goberno local de crear unha senda para uso e desfrute da veciñanza e garantir o correcto mantemento desta vía.
Por último, dende a administración local solicitouse explorar a posibilidade de aumentar a frecuencia de asistencia do destacamento da Policía Nacional, que realiza a renovación do Documento Nacional de Identidade, solicitando que se amplíe a oferta de trámites e que acudan tamén ao núcleo do Milladoiro.
O alcalde destacou a boa predisposición da Delegación do Goberno para solucionar os problemas e facilitar a vida da veciñanza de Ames e cualificou como vital a colaboración e a coordinación entre administracións para beneficio da poboación.
Novas relacionadas:
La Voz de Galicia: "La obra de humanización de O Milladoiro tendrá una comisión de seguimiento"
El Correo Gallego: "Ames quiere reconvertir en una senda el viejo tramo ferroviario Fraiz-A Moniña"