[25-01-2019] O Concello de Ames conta cunha brigada de Garda Medioambiental que traballa no mantemento e na mellora das condicións ambientais do medio natural. Este equipo de traballo ten como obxectivo principal traballar na conservación dos recursos naturais e o mantemento do equilibrio ecolóxico facendo cumprir a normativa vixente. Entre as súas funcións destaca a erradicación de vertedoiros incontrolados; o mantemento e xestión das rutas naturais do Concello; o desbroce de vexetación nos espazos naturais; a colaboración nas actividades necesarias para a prevención e detección de incendios; así como actuacións puntuais e urxentes no medio.
A brigada de Garda Medioambiental traballa na erradicación de vertedoiros incontrolados e no mantemento e xestión das rutas naturais. A pesar de que abandonar residuos en lugares non autorizados está prohibido, seguen aparecendo vertedoiros incontrolados no medio natural amesán. No ano 2018 recolléronse máis de 1.400 vertedoiros. O lixo recóllese de xeito manual, realizando despois unha separación adecuada para poder ser depositado no Punto Limpo para o seu posterior tratamento. Os vertedoiros que recolle este grupo de traballo están en zonas públicas, nunca en fincas privadas.
Dende a Concellaría de Medio Ambiente apélase a colaboración cidadá co fin de evitar que este tipo de condutas incívicas se produzan, e informan a todos os amesáns que abandonar residuos en lugares non autorizados, ademais de contribuír á contaminación ambiental e afear a contorna, poden supoñer sancións económicas que dependendo da gravidade poden ir dende 900 euros ata 9.000 euros.
Campaña de recollida de voluminosos
Neste senso, vén de publicarse no mes de setembro, unha campaña de concienciación sobre a necesidade de utilizar o Punto Limpo e optar pola correcta recollida de voluminosos. Baixo o lema “ASÍ NON. Lévaos ao Punto Limpo #CoidaAmes”, preténdese concienciar á veciñanza ante a proliferación de residuos ao carón dos colectores de lixo, en determinados puntos do concello.
Lembrase que hai a disposición da veciñanza un número de teléfono, o 981 19 12 40, para a recollida de residuos voluminosos (como mobles, electrodomésticos ou colchóns). Neste número débese indicar o tipo de residuo que se quere tirar e establécese o punto onde se debe deixar (na maioría dos casos xunto ao colector de lixo máis próximo á vivenda) e o día no que se fará a recollida. Ademais, Ames conta cun Punto Limpo, situado na rúa das Hedras do Polígono do Milladoiro, ata o que poden achegarse todos os cidadáns que queiran desfacerse daqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel.
Mantemento das rutas de sendeirismo
Este grupo de traballo tamén se encarga do mantemento das rutas de sendeirismo do concello, incluíndo a realización de desbroces de maleza, vixilancia, sinalización, reposición de infraestruturas deterioradas ou destruídas, e conservación de elementos patrimoniais e arquitectónicos. Así, ao longo deste ano traballaron no mantemento de diferentes rutas como a de Riamonte, do Tambre, do río Sar, da Senda verde, da Anduriña, do Rego dos Pasos. Tamén realizaron desbroces puntuais de determinadas zonas como A Ponte Maceira ou lugares por onde discorren carreiras ou trails.
Por último, colaboran en tarefas de prevención de incendios forestais. Entre as funcións da brigada de Garda Medioambiental está a de realizar desbroces puntuais de mato e maleza con fines preventivos, necesarios sobre todo en datas próximas a época estival, contribuíndo a evitar a posibilidade de incendio nos montes de Ames. Asemade, colaboran no plan de extinción de incendios forestais de cada ano, controlando e marcando os puntos hidrantes (puntos de auga).
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Aluvión de basureros en Ames: detectaron 1.400 el pasado año"
La Voz de Galicia: "La brigada medioambiental de Ames eliminó 1.400 vertederos durante el 2018"
Compostela 24 horas: "A Brigada de Garda Medioambiental recolleu máis de 1.400 vertedoiros incontrolados de lixo durante o ano 2018”