- Tematica
A Asociación Veciñal de Bugallido, en colaboración co Centro Cultural Mahía e a Sociedade Agraria de Bugallido, Ortoño e Biduído, organiza a segunda edición do seu ciclo de xornadas sobre saúde «Abril, mes da saúde en Bugallido». O programa consta de catro xornadas nas que se achegarán diferentes temas e aspectos relacionados co ámbito da saúde á veciñanza. A primeira destas xornadas celebrarase mañá xoves, día 27, coa realización dun obradoiro de primeiros auxilios. Este obradoiro dá dereito a certificación e, ademais, require de inscrición previa, que se pode realizar na seguinte ligazón.
Por segundo ano consecutivo, a Asociación Veciñal de Bugallido, en colaboración co Centro Cultural Mahía e a Sociedade Agraria de Bugallido, Ortoño e Biduído, organiza unha nova edición do seu ciclo de xornadas sobre saúde, nas que se pretende achegar a toda a veciñanza aspectos fundamentais relacionados co ámbito sanitario e o benestar físico. Deste xeito, contarase coa participación de profesionais e expertos relacionados coas áreas e temáticas a tratar.
A concelleira de Promoción da Saúde, Susana Señorís, subliñou que “é unha gran iniciativa que as asociacións de veciños organicen diferentes actividades nas que se achegue e fomente a saúde, así como a importancia de aspectos sanitarios tan relevantes como as vacinas ou os primeiros auxilios”.
Programación
Este ciclo de xornadas dará comezo mañá xoves, 27 de marzo, co desenvolvemento dun obradoiro de primeiros auxilios que, ademais, dá dereito a certificación. A actividade, impartida por Olga Prados Nieto, enfermeira do Servizo de Urxencias do CHUS, terá lugar de 18.00 a 22.00 horas no local social do Centro Cultural Mahía de Bugallido. Para participar, é preciso realizar unha inscrición previa a través da seguinte ligazón.
O resto de xornadas restantes desenvolveranse os xoves 3, 10 e 24 de abril, tamén no centro social da parroquia, ás 19.30 horas. A entrada será libre ata completar aforo.
A segunda das xornadas será o 3 de abril, co relatorio “Vacinas. Salvando vidas”, a cargo de Pablo Varela García, internista da Unidade de Enfermidades Infecciosas do CHUS. Nesta xornada poñerase o foco na importancia que teñen as vacinas, desmontando así os mitos que pode haber arredor delas.
A seguinte das xornadas será o 10 de abril, co relatorio “Máis alá da pel e as mucosas”, a cargo de Paula Lijó Marcote, farmacéutica experta en pel e menopausia. Para rematar, o día 24, terá lugar o relatorio “Coñecendo a medicina de precisión. Que é a Medicina Nuclear?”, impartido por Virginia Pubul Núñez, xefa do Servizo de Medicina Nuclear do Chus, no que se lle achegará aos veciños e veciñas que asistan á xornada este ámbito tan descoñecido da medicina.
I Encontro literario “Café, libro, conversa”, con Marcos Calveiro
Ademais deste ciclo de xornadas relacionadas coa saúde, a asociación Centro Cultural Mahía, a través do seu club de lectura, tamén organiza este sábado, día 29 de marzo, un encontro literario co escritor Marcos Calveiro. Terá lugar ás 17.00 horas no primeiro andar do centro cultural de Bugallido e a entrada é libre ata completar aforo.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Bugallido celebra la segunda edición del ciclo de jornadas sobre salud"
AMSGO!: "Bugallido celebra o Mes da Saúde cun ciclo de xornadas e un encontro literario"