Pestanas principais

A campaña de tarxetas desconto “Bonos Consuma” xerou un gasto no comercio e hostalaría amesá de preto de 260.000 euros

Martes, 16 de xaneiro de 2024

O Concello de Ames, a través da Concellería de Promoción Económica, puxo en marcha con motivo da época de Nadal a campaña de tarxetas desconto “Bonos Consuma”, que xerou un volume de negocio total de 258.842,94 euros. En dita campaña participaron un total de 108 establecementos comerciais e de hostalaría de Bertamiráns e do Milladoiro. Cada persoa maior de 18 anos puido descargar un único bono por importe de 50 euros. A través desta iniciativa tratouse de contribuír á reactivación económica do comercio e da hostalería local. Nun prazo de menos de catro semanas esgotáronse os 61.000 euros que achegou o Concello para os Bonos Consuma. Durante dito período descargáronse 3.406 bonos e realizáronse 6.159 operacións.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, amósase moi satisfeita pola gran acollida que tivo a campaña. “En menos dun mes consumiuse o 100% do orzamento destinado aos bonos consuma. A través de dita campaña conseguiuse impulsar o consumo local e servir de axuda tanto aos veciños como aos comerciantes durante as festas de Nadal. Xerouse un gasto no comercio e na hostalaría amesá de preto de 260.000 euros, polo que penso que contribuímos á reactivación económica do comercio e da hostalería local. Seguiremos traballando nesta liña”.

A dita campaña adheríronse 108 establecementos comerciais e hostaleiros de Ames, onde se puideron empregar os bonos consuma. Deste xeito, nun prazo de menos de catro semanas esgotáronse os 61.000 euros que achegou o Concello para os Bonos Consuma. Durante dito período descargáronse 3.406 bonos e realizáronse 6.159 operacións.

En total, xerouse un volume de negocio total de 258.842,94 euros. Houbo consumo en practicamente todos os sectores: xogueterías, librarías, ópticas, hostalería, moda e complementos, zapaterías, decoración, clínicas veterinarias, perfumerías, establecementos de estética, material deportivo, informática, xoiería, bazar, material didáctico, moda infantil, parafarmacia, pastelerías, etc.   

Campaña de promoción do comercio local
A campaña Bonos Consuma buscou promocionar os sectores do comercio e a hostalería de Ames, para reactivar a economía do municipio impulsando o consumo nos establecementos locais. Todos os comercios participantes contaron cun adhesivo que os acredita como establecementos colaboradores. Cada persoa maior de 18 anos puido descargar un único bono por importe de 50 euros.

O principal obxectivo foi crear un impacto positivo no comercio local, promovendo que a veciñanza realizase as súas compras de Nadal nos distintos establecementos do concello. Cada bono tivo un valor de ata 50 euros para as compras que se fixeron nos establecementos adheridos, e púidose usar ata o seu esgotamento ou ata o esgotamento do crédito dispoñible no programa.

Nesta campaña o Concello destinou, en convenio con Abanca, un total de 80.000 euros aos Bonos Consuma. A maior parte deses fondos (61.000 euros) destináronse a axudas directas para a adquisición dos bonos, pero unha parte foi destinada a sufragar dúas das novidades máis importantes de dita convocatoria: a creación dunha páxina web (www.bonosconsuma.gal) e dunha aplicación móbil. O obxectivo principal destas ferramentas foi que supuxeran unha descarga de traballo para os comerciantes, pois a aplicación dos descontos fíxose a través de códigos QR.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "A campaña dos Bonos Consuma de Ames xerou ventas no comercio e na hostalería por 258.842 euros"

La Voz de Galicia: "Los Bonos Consuma generaron un gasto próximo a los 260.000 euros en Ames"

A campaña de tarxetas desconto “Bonos Consuma” xerou un gasto no comercio e hostalaría amesá de preto de 260.000 euros