Pestanas principais

As caravanas moradas instaladas polo Concello ofreceron axuda a case un millar de persoas durante as festas

Mércores, 14 de agosto de 2024

O Concello de Ames, a través do departamento de Benestar Social e Igualdade, instalou una ano máis unha caravana morada no Milladoiro, o día 5 de agosto; e outra en Bertamiráns, o mércores 7, con motivo da programación que se desenvolveu en ámbalas dúas xornadas polas festividades da Madalena e da Peregrina. No caso do Milladoiro, localizouse nos arredores da Casa da Cultura, mentres que en Bertamiráns estivo a carón da zona de aparcamento do Pazo da Peregrina.

A caravana morada é un instrumento que busca actuar fronte á violencia machista e acercar servizos integrais ás vítimas. Este punto establécese durante eventos de ocio, e serve para denunciar agresións machistas; e para acompañar e atender ás vítimas. Tamén se emprega como lugar informativo para saber como actuar fronte a este tipo de violencia.

Os compoñentes da caravana morada que estiveron presentes foron unha psicóloga xurídica especializada en xénero, e unha educadora social e axente de igualdade. Así, este espazo respondeu a un obxectivo dobre: atender, informar e axudar ás vítimas de agresións e tamén sensibilizar e visibilizar ante a sociedade as agresións sexuais nas festas. A caravana funcionou de xeito ininterrompido durante ambas xornadas, en horario de 21:00 a 5:00 horas.

Servizo informativo e atención de incidencias
Durante as festas da Madalena e da Peregrina, as caravanas ofreceron servizos informativos a 860 persoas, das cales 320 foron mulleres, 150 homes e 390 menores de idade. Así mesmo, atenderon un total de 14 peticións de primeiros auxilios de baixa intensidade: 3 durante a noite do luns, e 11 na xornada do mércores.

Entre os servizos máis demandados destacan a solicitude de acompañamento por parte de  mulleres novas, que acoden ás caravanas para agardar polos seus amigos e familiares nun entorno seguro e acompañadas, e a atención por sintomatoloxía de ansiedade.

Caravana morada nos dous principais núcleos do concello
No caso do Milladoiro, a caravana morada instalouse o luns 5 de agosto, nos arredores da Casa da Cultura da localidade. Estivo operativa durante unha das grandes citas da festas da Madalena, a actuación da orquestra Panorama.

Esa mesma semana, o 7 de agosto, trasladouse o punto a Bertamiráns, á zona de aparcamento do Pazo da Peregrina, con motivo da actuación da orquestra París de Noia no campo de festa da Peregrina.

As caravanas moradas instaladas polo Concello ofreceron axuda a case un millar de persoas  durante as festas

Multimedia

  • As caravanas moradas instaladas polo Concello ofreceron axuda a case un millar de persoas  durante as festas