Pestanas principais

Carlos Lorenzo presenta no Milladoiro o documental “Vértice de versos” que trata sobre a poesía galega contemporánea

Mércores, 10 de marzo de 2021

Este venres, 12 de marzo, ás 20.00 horas, o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolle a proxección dun documental no que se repasa o sucedido nos anos 90 no mundo literario galego. “Vértice de versos” complementarase co coloquio organizado polo propio director do documental, Carlos Lorenzo, e cun recital de Emma Pedreira. A entrada, gratuíta, deberase reservar o convite na billeteira electrónica municipal ata dúas horas antes da actividade. Esta actividade está organizada polas Bibliotecas municipais de Ames.

O 21 de marzo celébrase o Día da Poesía e, polo tanto, as bibliotecas municipais teñen organizadas unha serie de actividades relacionadas con dita efeméride. O venres, 12 de marzo, ás 20.00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro, proxectarase a obra Vértice de Versos, de Carlos Lorenzo, autor deste documental.

Vértice de Versos achégalle aos veciños e veciñas de Ames un percorrido pola poesía galega dende os anos 90. Durante 65 minutos, o director e o produtor da longametraxe tratará temas como a fortaleza da lírica de Galicia nos últimos anos, as novas formas de expresión poética, o valor da lingua neste formato e o destacado papel da muller na actual poesía.

Esta peza audiovisual centra a súa atención en catro poetas: Baldo Ramos, Yolanda Castaño, Gonzalo Hermo e Emma Pedreira. Emma Pedreira é unha das autoras citadas no documental e intervirá no coloquio posterior á proxección, con versos propios e coa súa experiencia vital no mundo da poesía. A entrada é gratuíta ata completar un aforo máximo de 30 persoas. Para participar na proxección de dito documental é necesario reservar entrada na Billeteira electrónica.

Tras a proxección do documental, Carlos Lorenzo conducirá un coloquio no que poderán participar os asistentes. Ademais, a poeta galega Emma Pedreira recitará parte da súa obra.

Libres e Vivas
Ademais, o mércores 17 de marzo, ás 20.00 horas, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, presentarase a obra Libres e Vivas, da editorial Galaxia. Trátase dunha obra colectiva de dez autoras diferentes das nosas letras que tratan a literatura, narrativa, poesía e teatro, desde diferentes aspectos que leva a enriquecer a súa achega persoal a esta obra. As autoras abordan a cuestión do machismo, do terrorismo patriarcal contra as mulleres, da liberdade e da igualdade, para que, dende a literatura, entendamos como é o seu sentir. A entrada é de balde. Haberá un aforo de 30 persoas como máximo.

Actividades relacionadas co Día da Poesía
Por ultimo, o martes, 23 de marzo, ás 20.00 horas, no Pazo da Peregrina, realizarase unha sesión de recitais de poesía e faladoiro sobre a poesía actual en Galicia coa participación de Diego Horschovsk, dinamizador cultural e organizador do Poetry Slam Compostela e Filosofía a Pé de Rúa; Anna R. Figueiredo, escritora, divulgadora cultural e vicepresidenta da AELG; e Carlos Da Aira, poeta e organizador de Poemagosto, Festival Internacional de Poesía en Allariz. A entrada é gratuíta ata completar un aforo máximo de 30 persoas.

Vértice de versos.

Multimedia

  • Vértice de versos.