- Tematica
A edición deste ano do programa Encontros Literarios continúa este xoves, 14 de decembro, coa presentación do libro “O tempo dos lagartos” do escritor Carlos Negro. O acto, que estará presentado polo alcalde de Ames, Blas García, será ás 20:00 horas no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Á presentación tamén asistirán a ilustradora do libro, Raquel Senra, e a profesora e música Xiana Lastra. A entrada será libre ata completar aforo.
O departamento de Bibliotecas municipais de Ames, dependente da Concellaría de Cultura, continúa coas presentacións de libros enmarcadas no programa Encontros Literarios. Estas presentacións tratan de dar a coñecer novas autoras/autores, así como as obras de autoras/autores consagrados, entre a veciñanza de Ames. Este programa contou cunha ampla participación nas anteriores edicións de 2021 e 2022.
Este terceiro encontro literario da nova tempada 2023-2024 terá como protagonista ao coñecido escritor Carlos Negro, que é veciño de Ames e profesor no IES de Ames. Carlos Negro presentará a súa última obra “O tempo dos lagartos”, editada por Galaxia. O acto, que terá lugar no pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 20:00 horas, estará presentado polo alcalde de Ames, Blas García. Ademais, tamén estarán presentes a ilustradora do libro, Raquel Senra, e a profesora e música Xiana Lastra. A entrada será libre ata completar aforo.
Carlos Negro
Carlos Negro iniciouse no xénero poético con As laranxas de alí babá (1998). En Xerais ten publicado Far-West (2001); Makinaria (2009); Penúltimas tendencias (2014), Premio da AELG á mellor obra de literatura infantil e xuvenil; Masculino singular (2016) ou Aplicación instantánea (2018), Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil.
Recibiu tamén o Premio Johán Carballeira polo poemario Héleris (2003), o Victoriano Taibo por Cultivos transxénicos (2008) e o Fiz Vergara Vilariño por Tundra (2017). Ensaiou o xénero satírico no dicionario Abelcebú (2010), de carácter burlesco. Nos últimos anos vén desempeñando un continuo labor de achegamento da poesía ao público xuvenil, a través de recitais e obradoiros por toda Galicia. En 2018 recibiu o Premio dos Clubs de Lectura que outorga a Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia ao autor máis lido do ano 2017. Non cantan paxaros neste bosque (Xerais, 2021) é a súa última obra.
Sinopse de “O tempo dos lagartos”
Esta libro fala dos cambios e das complicacións derivadas deles. Segundo o propio autor, este libro intenta ser “un punto de sutura entre un tempo clausurado e unha expectativa de cambio”. Así, desa crise “abrollan imaxes e palabras nun acto de supervivencia que transforma o amor nun dente de león a voar polo aire, porque medrar manca a pel, a casa, os adentros”.
Sesións da nova tempada
O pasado 9 de novembro tivo lugar a primeira presentación, coa obra “Pecados veniais” de Nazaret López como protagonista. A segunda presentación foi o 29 de novembro, a cargo de Luciano de Monfadal e a súa primeira obra, “Patria de Maeloc”.