Pestanas principais

Carricobanda, Oîma e Zoelas, finalistas do certame do I Festival Folk Val da Maía

Mércores, 11 de maio de 2016

[11-05-2016] Este mércores, 11 de maio, foron anunciados os tres grupos finalistas do certame de artistas emerxentes convocado polo Concello de Ames, no marco do Festival Folk Val da Maía. O xurado, composto por Aitana Cuétara, Óscar Losada e Roberto Rama, escolleu aos grupos Carricobanda, Oîma e Zoelas entre os 10 que presentaron as súas maquetas ao longo do mes de abril. Actuarán o sábado 21 de maio no Pazo da Peregrina en Bertamiráns.


O concurso convidaba a participar a bandas noveis, sen traballos gravados. Formacións de música folk con pequeno percorrido, querendo converter o Festival Folk nunha forma de visibilizar estes proxectos. Tanto o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, como a produtora deste evento, Ramón Feáns, coincidían na calidade das maquetas recibidas. Nunha entrevista a Ames Radio ambos admitiron o esixente da convocatoria: “Determinamos que os grupos que se presentasen non poderían ter ningún álbum gravado, xa fose cunha produtora ou autoeditado”, explicou David Santomil.

Por este motivo, consideran que esta primeira edición do festival tivo boa acollida e agradecen a participación de formacións de diferentes puntos de Galicia “con estilos moi distintos, que abarcan dende formacións de folk máis tradicional, a outras que o fusionaban con diferentes estilos musicais”, afirmou o concelleiro.

Ademais dos tres grupos finalistas enviaron tamén as súas maquetas as bandas Chiculate, Fol de Veneno, Nai, Himnodium, Felipe Rea Cuartet, Leinola e Moeda Vella. 30 pezas en total nas que se mergullaron Aitana Cuétara, Óscar Losada e Roberto Rama, na procura dos finalistas que tocarán o 21 de maio no Pazo da Peregrina.

Antes do comezo do festival, programado para as 21:00 horas, sortearase a orde de actuación das bandas finalistas. Carricobanda, Oîma e Zoelas subiranse ao escenario para mostrar o xurado unha mostra do seu repertorio. Este xa tivo a oportunidade de escoitalos, agora poderá comprobar como soan en directo e seu xeito de desenvolverse ante o público. Tralas súas actuacións, mentres o xurado delibera, Os D'abaixo sairán a escena. Grupo nado para animar á xente a botar uns bailes, que guían con pezas que beben da música tradicional e que combinan con composicións propias.

Os grupos finalistas
Xabier Agra, Robin Duncan, Roi San Pedro, Manuel Carballal e Gumer Freire son os membros da Carricobanda. Un grupo de música folk creado en Santiago de Compostela, cuxas influencias van alén das fronteiras galegas, incorporando na súa música melodías e ritmos escoceses, bretóns ou irlandeses.

Oîma é un grupo de recente creación, formado por Antía Ameixeiras, Olalla Liñares e Martiño Senande. Dúas músicas e un músico novos, pero con ampla experiencia e percorrido, que se xuntaron en Santiago de Compostela para compoñer e arranxar pezas con raíz galega e europea.

As Zoelas veñen de Antas da Ulla. O proxecto nace cando Carmela Mariño, Bea García, Érica García, Pilar Naveira, María Bouzas e Patricia Coucheiro deciden xuntarse para compartir o seu gusto pola música. Este grupo de cantareiras decidiu facer unha orixinal aposta, mesturando o canto tradicional galego con outro tipo de melodías, tecendo pontes entre as letras propias e as coplas recollidas.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Grupos de Área y Antas en la final del Festival Val da Maía"