O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, organiza para este domingo, 15 de decembro, o concerto de Nadal no que actuarán diferentes grupos de baile e música tradicional do noso concello. O evento, enmarcado dentro da programación do Nadal en Ames, celebrarase na Casa da Cultura de Bertamiráns ás 19.00 horas. A entrada é de balde ata completar aforo e convites xa se poden descargar na Billeteira electrónica.
A programación do Nadal en Ames continúa este domingo coa celebración do concerto de Nadal, unha actividade xa tradicional nestas datas organizada polo departamento de Cultura. O recital contará coa participación de diversos grupos amesáns de baile e música tradicional: Os Castros, as Pandereteiras da Costaneira, Os Retranqueiros, Airiños do Paseo de Colón, As Maianas e Requinta da Maía. A actividade, orientada a todos os públicos, é de balde ata completar aforo. Pódese consultar a programación completa do concerto na seguinte ligazón.
O concerto terá lugar ás 19.00 horas deste domingo, 15 de decembro, na Casa da Cultura de Bertamiráns. Os convites están dispoñibles para descargar na Billeteira electrónica do Concello de Ames. No caso de quedar billetes dispoñibles, poderán adquirirse unha hora antes do comezo do espectáculo na propia Casa da Cultura de Bertamiráns.
A asociación cultural Os Castros, coa súa banda de gaitas, serán os encargados de dar comezo a este recital, interpretando “Xota de Lucas” e “O Galo”. De seguido, actuará o seu grupo de baile para representar “Muiñeira da Costa”.
Pola súa banda, as Pandereteiras da Costaneira, interpretarán os temas “Valse de Elena”, “Danza, xota e muiñeira de Barcia de Mera” e “Nadal de Luintra”. O grupo, fundado no 2017 e integrado na actualidade por nove mulleres, participa en diferentes actos culturais, como seráns ou festivais, adoitan interpretar temas tradicionais do folclore galego e portugués, ademais de recompilar e incluír no seu repertorio coplas das persoas maiores da contorna amesá.
A asociación cultural Os Retranqueiros, representarán os “Cantares de Elena, Clara e Aurora”, recollidas en Toutón-Mondariz, e “Muiñeira e Xota de Bembibre”, recompiladas na zona de Bembibre en Val do Dubra. A agrupación, fundada no 2015, vai cumprir en febreiro unha década percorrendo diferentes escenarios dentro e fóra de Galicia, chegando a ofrecer espectáculos en Madrid ou en localizacións de África. A pesar da xuventude da formación, contan con máis de 100 socios.
A música continuará da man da agrupación Airiños do Paseo de Colón, que interpretarán os temas “Valse da Pobra de Burón”, “Polca para Gabi” e “Muiñeira dos Dezas”. Na actualidade, o grupo está formado por 6 compoñentes, cun amplo repertorio formado por pezas de distintos grupos de música tradicional, que poden utilizar para a súa interpretación empregando gaitas, clarinete, saxofón, acordeón e percusión (bombo, tambor e pandeireta).
As Maianas interpretarán “María”, “Cuba”, “Que te leve o demo” e “Rexoubeiras”. Esta agrupación de 5 mulleres, levan xa uns cantos anos facendo gozar ao público coas súas cancións, a maioría de composición propia.
Os encargados en poñer punto e final ao concerto de Nadal será o grupo Requinta da Maía, da asociación cultural Follas Novas. Representarán o tema “O Torre”, mentres que o grupo de pandeireta interpretará “Valse de Pazos de Borbén”, o grupo de baile representará “O Esparaván do Incio” e, finalmente, representarán unha panxoliña do Algarve chamada “Linda Noite”. A agrupación, integrada por 9 compoñentes, inclúen diferentes instrumentos do folclore galego; as gaitas, as requintas, os clarinetes, acordeón, caixa e bombo.
Concerto de Reis
Na mesma liña, como vén sendo habitual, celebrarase o concerto de Reis o vindeiro sábado 4 de xaneiro, ás 19:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. No recital, programado dentro das actividades do Nadal en Ames, actuarán diversas agrupacións corais de Ames: coral Lojo Batalla, coral de Piñeiro e Ames, coro de Nuestra Señora del Corpiño de Oca, coro Son Elase o coral polifónica de Bugallido. As entradas son gratuítas ata completar aforo. Os convites para asistir xa se poden descargar na Billeteira electrónica do Concello de Ames.