Pestanas principais

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este sábado o IX Festival Val da Maía

Xoves, 06 de abril de 2017

[06-04-2017] A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este sábado, 8 de abril, ás 20:30 horas, unha nova edición do Festival Val da Maía. A través desta actividade preténdese dar a coñecer entre a veciñanza amesá a música popular galega. Neste festival actuarán os grupos Os Coribantes de Ponte Caldelas, Ghalos do Curral de Pontevedra, Pousos da Area de Marín, Pola Corda de Teo e o grupo amesán de pandereteiras As Maianas. Un total de cinco grupos amenizarán a tarde do sábado con música tradicional galega. Julio González e Carlos Peso, uns amigos gaiteiros das Maianas, serán os presentadores do festival.

A Asociación cultural e xuvenil Val da Maía, en colaboración co Concello de Ames, organizou para este sábado, 8 de abril, un festival de música galega. Este acto contará coa participación de distintos grupos de música galega de varios concellos como Ponte Caldelas, Pontevedra, Marín, Teo e Ames. Un dos obxectivos deste festival é o de dar a coñecer a todos os veciños e veciñas de Ames ao grupo de cantareiras que naceu ao abeiro da Asociación e que se chaman pandereteiras As Maianas de Ames. O lugar escollido para o acto é a Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 20:30 horas. A entrada será de balde.

Esta asociación naceu no ano 2007 cando se agruparon unha serie de mozas que compartían o seu gusto pola música galega. Despois de formar parte do Obradoiro Municipal de Música e Baile Tradicional do Concello de Ames durante varios anos decidiron crear esta asociación. Estas rapazas, que formaban un grupo de cantareiras, crearon o grupo As Maianas de Ames para poder desenvolver o seu propio traballo. Esta agrupación está formada por Ruth Cancela, Cruz Negreira, Irene Nieto, Ainoa Raya e Inés Suárez, que convidan á veciñanza a acudir a Bertamiráns para "botarlle uns bailes".

Neste evento participarán distintas agrupacións musicais, que serán presentadas por Julio González e Carlos Peso, uns amigos gaiteiros das Maianas. Así, actuarán de xeito desinteresado os grupos Os Coribantes, de Ponte Caldelas, que xa estiveron en varias edición neste festival. Unha das novidades deste ano é a participación do grupo de música folk, Pola Corda, de Teo, así como da agrupación Pousos da Area, de Marín, que interpretará diversos cantos de taberna.

Este ano tamén repetirá o grupo Ghalos do Curral, de Pontevedra, e como non podería ser doutro xeito participará o grupo amesán de pandereteiras As Maianas. Un total de cinco grupos amenizarán a tarde do sábado con música tradicional galega.