Pestanas principais

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este sábado o V Festival Val da Maía

Xoves, 28 de febreiro de 2013

[28-02-2013] A Asociación Cultural e Xuvenil Val da Maía, en colaboración co Concello de Ames e a Deputación da Coruña, organizaron para este sábado, 2 de marzo, o V Festival Val da Maía. Esta actividade, que comezará ás 20:00 horas, desenvolverase no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. A través desta actividade preténdese dar a coñecer entre a veciñanza amiense a música popular galega. O acto estará presentado por Xosé Martins e Davide de Lis, integrantes do grupo Tirabeque, da Estrada. Neste festival actuarán os grupos Chichisos e Quodlibet de Pontevedra, O Ghusto do Boi de Boqueixón, as Irmandades do Falo de Vilalba, o grupo Picuiña de Marín, e o grupo amiense de pandereteiras As Maianas. Un total de seis grupos amenizarán a tarde do sábado con música tradicional galega.

A Asociación Cultural e Xuvenil Val da Maía, de Ames, organiza este sábado día 2 de marzo un festival de música galega. Este acto contará coa participación de distintos grupos de música galega de vilas e cidades como Vilalba, Marín, Pontevedra, Boqueixón e Ames. Un dos obxectivos deste festival é o de dar a coñecer a todos os veciños e veciñas de Ames ao grupo de cantareiras que naceu ao abeiro da Asociación e que se chaman pandereteiras As Maianas de Ames. O lugar escollido para o acto é a Casa da Cultura de Bertamiráns, ás 20:00 horas. A entrada será de balde.

Esta asociación naceu no ano 2007 cando se agruparon unha serie de mozas que compartían o seu gusto pola música galega. Despois de formar parte do Obradoiro Municipal de Música e Baile Tradicional do concello amiense durante varios anos decidiron crear esta asociación. Estas rapazas, que formaban un grupo de cantareiras, crearon o grupo As Maianas de Ames para poder desenvolver o seu propio traballo. Esta agrupación está formada por Lidia, Inés, Ainhoa, Luz, Irene e Ruth.

O grupo de pandereteiras As Maianas, recibiron o premio do xurado no concurso Vas sacar nota, organizado pola Radio Galega no ano 2012. Tamén colaboraron na gravación do último disco do grupo Quodlibet de Pontevedra. Ademais, durante os últimos anos teñen realizado actuacións en diversos lugares como Valga, Arteixo, Ames, Lugo e Pontevedra.

Neste evento participarán distintas agrupacións musicais, que serán presentadas por Xosé Martins e Davide de Lis, integrantes do grupo Tirabeque, da Estrada. Así actuarán no acto de xeito desinteresado os grupos Chichisos e Quodlibet de Pontevedra, O Ghusto do Boi de Boqueixón, as Irmandades do Falo de Vilalba, e o grupo Picuiña de Marín. Como grupo anfitrión actuará o grupo de pandereteiras As Maianas de Ames. Un total de seis grupos que amenizarán a tarde do sábado con música tradicional galega.