- Tematica
O Concello de Ames, a través do departamento de Cultura, continúa coa programación do Ames Cultural 2025. Desta volta, o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns ás 20.30 horas, acollerá a representación da peza “Un Deus salvaxe” da compañía Talía Teatro, unha comedia satírica da sociedade actual. A ocupación ata o momento é do 72% das butacas dispoñibles. Aínda se poden adquirir entradas na Billeteira electrónica do Concello de Ames. Esta programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.
A programación de artes escénicas en Ames continúa neste mes de marzo no que se conmemora o vindeiro día 27 o Día Mundial do Teatro. Con motivo desta data, haberá representacións teatrais todos os venres deste mes, así como actividades organizadas pola Escola Municipal de Teatro de Ames e por parte das compañías teatrais que están facendo residencia no Concello de Ames.
Deste xeito, este vindeiro venres, 7 de marzo, ás 20.30 horas, o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá a primeira destas representacións coa obra “Un Deus salvaxe”, da compañía Talía Teatro. Esta peza, con texto creado orixinalmente por Yasmina Reza, é unha comedia dirixida a un público maior de 13 anos que, a través da narración dunha historia con diferentes conflitos entre pais e fillos, reflexa con sátira e ironía os puntos frouxos das persoas e tensións nas relacións persoais e sociais. Esta programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.
Sinopse de “Un Deus salvaxe”
Dous nenos duns once anos enfróntanse con violencia nun parque. Beizos inchados e dous dentes rotos…. Os pais da “vítima” convidan á súa casa aos pais do “matón” para resolver o conflito. O que comeza sendo unha charla con bromas e frases cordiais, adquire un ton máis violento a medida que os pais van revelando as súas ridículas contradicións e grotescos prexuízos sociais.
A situación descontrólase de tal modo que ninguén está a salvo de recibir a súa ración de ofensa persoal e todos os intentos por acougar os ánimos e instaurar a paz acaban fracasando. Cada un ten a súa propia opinión sobre como canalizar o conflito que afecta aos seus fillos e de aí xorden outros temas nos que, por suposto, non logran poñerse de acordo. A obra saca todo o lixo que estes catro individuos acumularon ao longo da súa vida e amósanos a súa cara oculta. Un deus salvaxe é puro guión, puro diálogo e pura interpretación. Unha sátira ás relacións de parella, a educación, competitividade e, sobre todo, á corrección política na actualidade.
Sobre Talía Teatro
Talía Teatro é unha compañía galega creada no 1988 e que, dende o primeiro momento, creou un estilo único e diferencial de facer teatro no que pretenden realizar un teatro de calidade e comprometido co público. Tras máis de 3 décadas sobre os escenarios, é un dos grupos teatrais máis recoñecidos e premiados da escena galega actual.
Programación do mes de marzo
O vindeiro día 27 conmemórase o Día Mundial do Teatro e, con motivo desta data, este mes de marzo en Ames estará cheo de propostas relacionadas co teatro. Ademais das representacións teatrais previstas para cada venres do mes, as compañías que están a facer residencias artísticas do noso concello realizarán diferentes actividades de mediación nas vindeiras semanas.
A primeira destas actividades terá lugar o vindeiro mércores 26 de marzo, no Pazo da Peregrina, con “As desterradas. Teatro e memoria histórica”, un coloquio aberto á veciñanza impartido por Carme Varela e Quico Cadaval, autora e director da obra “As desterradas” que se representará o vindeiro día 28 en Bertamiráns.
Na mesma liña, a compañía Berrobamban realizará un pase da súa nova produción UBASUTE o día 25 de marzo ás 20.30 horas no Milladoiro para o público convidado. Ademais, o día 26 realizarán un pase dirixido ao alumnado de 2º de Bacharelato de Artes Escénicas do IES do Milladoiro.
Por outra banda, a Escola de Teatro de Ames realizará, como vén sendo habitual, unha curta protagonizada polo alumnado máis novo da escola, en conmemoración deste Día Mundial do Teatro.
PROGRAMACIÓN DE ARTES ESCÉNICAS EN AMES NO MES DE MARZO:
- Venres 14: “Reconversión” de Ibuprofeno Teatro, en Bertamiráns
- Xoves 20: “Dance Join” de Marta Alonso, no Milladoiro
- Venres 21: “TROMSØ” de Morraoconto, no Milladoiro
- Venres 28: “As desterradas” de Producións Teatrais Excéntricas, en Bertamiráns
Pódense adquirir os convites para calquera destas representacións na Billeteira electrónica do Concello de Ames.