Pestanas principais

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle a estrea da obra de teatro “A luz do día, nalgún lugar do mundo, a algunha muller”

Mércores, 06 de decembro de 2023

O auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolle o xoves, 14 de decembro, ás 20.30 horas, a estrea da obra de teatro “A luz do día, nalgún lugar do mundo, a algunha muller”. O espectáculo esta dirixido por Noelia Papín e producido por Serea Teatro, que forma parte da produtora Serea Producións. Os convites xa se poden adquirir na Billeteira electrónica. Serea Teatro é unha das compañías que realizou unha residencia no auditorio sa Casa da Cultura do Milladoiro para ensaios da obra e como actividade de mediación vai representar a obra no noso concello. Esta obra de teatro é o segundo espectáculo dunha triloxía que trata sobre o maltrato que sofren as mulleres que son vítimas da violencia machista e vicaria.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, segue colaborando con diferentes compañías de teatro para que poidan empregar as instalacións municipais para ensaiar e preparar novos espectáculos. Serea Teatro é unha das compañías que realizou unha residencia no auditorio do Milladoiro para ensaios da obra e como actividade de mediación vai levar a cabo unha representación da obra.

Deste xeito, o auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns acolle o xoves, 14 de decembro, ás 20.30 horas, a estrea da obra de teatro “A luz do día, nalgún lugar do mundo, a algunha muller”. O espectáculo esta dirixido por Noelia Papín e producido por Serea Teatro, que forma parte da produtora Serea Producións. Os convites xa se poden adquirir na Billeteira electrónica. Previamente fixeron o pre-estreo da obra no concello de Sada co gallo do 25N.

Esta obra de teatro é o segundo espectáculo dunha triloxía que trata sobre o maltrato e maila violencia de xénero. A primeira obra da triloxía é “Sen lingua”, que aborda o maltrato psíquico. Agora en “A luz do día, nalgún lugar do mundo, a algunha muller” trátase o maltrato físico e a violencia vicaria.

O alcalde e concelleiro de Cultura, Blas García, explica que “Serea Teatro é unha compañía de artes escénicas que forma parte da produtora audiovisual Serea Producións e que conta cun proxecto no Espazo colaborativo A Proa. Esta compañía ensaia este espectáculo, que visibiliza a lacra da violencia de xénero, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. A vindeira semana estrearán o espectáculo no auditorio de Bertamiráns”.

A sinopse da obra di “as doentes sempre menten. Nunha casa branca, nalgún lugar do mundo, Elena ten a súa consulta de psicoloxía. Ese día, recibe a chamada de Lilíth, advertíndolle sobre a dificultade da vindeira sesión, máis ela non ten medo. Cando chega a doente, Elena sabe que terá que usar todas as súas armas para poder mergullarse na mente de Ledicia. A doente desconfía de Elena dende o primeiro momento e do seu protocolo. Elena é consciente e muda a estratexia. Ao longo da sesión irá transformándose no que Ledicia demande. Mudará en confidente, en amiga, en nai, en xuíz e en vítima. Bailará ao son que marque Ledicia. Xogará ao xogo segundo as súas regras. Fará todo o que sexa para que a muller confese os seus pecados e así xuntas as dúas, da man, cumprir a penitencia”.

Apoio á creación artística
O Concello de Ames conta cun regulamento de uso e funcionamento das instalacións culturais. Na procura dunha maior rendibilidade cultural dos equipamentos e apoio á creación artística do tecido profesional e empresarial, facilita os espazos e equipamento a creadores, compañías profesionais consolidadas e emerxentes, grupos musicais, etc, que desenvolvan as súas liñas de traballo nos ámbitos das artes escénicas, artes plásticas e musicais, para o ensaio, produción e exposición dos seus proxectos.

Nestes casos asínase un convenio de colaboración no que figura a contraprestación ao Concello de Ames polos espazos e equipamentos que se vaian utilizar. Entre estas contraprestacións figuran actividades pedagóxicas orientadas á comunicade educativa ou ao público xeral; actividades de promoción do teatro, da música, das artes plásticas; actividades encamiñadas a incrementar o número de espectadores ou de creación de novo público, estreas das novas producións, etc.

Cartaz da obra de teatro “A luz do día, nalgún lugar do mundo, a algunha muller”

Multimedia

  • Cartaz da obra de teatro “A luz do día, nalgún lugar do mundo, a algunha muller”