Pestanas principais

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle mañá, 3 de maio, a primeira sesión das III Xornadas de Saúde Mental

Xoves, 02 de maio de 2024

O Concello de Ames organiza o 3 e 4 de maio as III Xornadas de Saúde Mental, que nesta ocasión versarán sobre a saúde mental infantoxuvenil no ámbito educativo.  As xornadas,  dirixidas ás persoas interesadas no benestar psicolóxico e a profesionais de todos os sectores, contarán cunha mesa redonda, dúas conferencias e dous talleres prácticos. Participar é de balde, previa inscrición a través do enderezo electrónico xornada.ames@gmail.com. Xa hai 140 participantes rexistrados, pero as inscricións aínda están abertas.

A terceira edición das xornadas de saúde mental centraranse na saúde mental infantoxuvenil no ámbito educativo. Trátase dun proxecto que deu comezo fai dous anos coa celebración dun evento que xirou arredor do benestar emocional das crianzas e da rapazada.

Ditas xornadas, que se celebrarán os días 3 e 4 de maio na Casa da Cultura de Bertamiráns, diríxense a profesionais que traballen con nenos e rapaces (persoal sanitario, de servizos sociais, equipos de prevención...) pero tamén ás familias e a todas aquelas persoas que estean interesadas no benestar psicolóxico.

As III Xornadas de Saúde Mental contarán cunha mesa redonda, dúas conferencias, dous talleres prácticos e un foro, que versarán sobre temas diversos como a relación dos adolescentes coas pantallas, o benestar emocional nas aulas ou a prevención da violencia no ámbito escolar. As charlas desenvolveranse en horario de mañá, mentres que os obradoiros serán polas tardes.

Programación
O programa dará comezo o venres 3 de maio, arredor das 16:30 horas, coa apertura e a recepción da documentación. Unha vez inaugurada a xornada terá lugar o primeiro obradoiro, “Estímame, estímome, estímote”, sobre como acompañar o benestar emocional e a saúde mental nas aulas. Será impartido polo equipo do Instituto da Infancia e Adolescencia de Barcelona.

A continuación, tras unha pausa de descanso activo e aperitivo saudable, ás 19:00 horas desenvolverase o segundo obradoiro, titulado “Pantallas, móbiles e adolescencias”. Estará impartido por José Ramón Ubieto, psicólogo clínico membro da Asociación Mundial de Psicanálise e colaborador docente da Universitat Oberta de Catalunya, a Universidade de Barcelona e a Universitat Ramón Llul.

O sábado 4 de maio, as actividades desenvolveranse en horario de mañá, a partir das 9:30 horas. A primeira delas será a conferencia “Construíndo contornas escolares seguras: estratexias para previr e abordar a violencia”, impartida po Mario Izcovich, psicólogo e psicanalista membro da Asociación Mundial de Psicanálise. Arredor das 11:00 horas comezará a segunda conferencia, baixo o título “Adolescencias: do frenesí á vertixe. Como acompañar?”, que contará de novo coa presenza do psicólogo clínico José Ramón Ubieto.

Despois dunha breve pausa, a terceira edición das Xornadas de Saúde Mental pecharase coa representación teatral “¿Y si te pasara a ti?", a cargo da compañía PSIARE, unha formación que nace da unión da psicoloxía, a arte e a educación para o desenvolvemento persoal e social. Fundada en 2009 por Gabriela Lafuente e Javier Casado,  busca crear espazos para poder compartir ideas, experiencias e emocións que xeran benestar físico, psíquico e emocional nas persoas participantes.

Información sobre as inscricións
As persoas interesadas en participar nesta xornada poden inscribirse de balde, enviando un correo ao enderezo electrónico xornada.ames@gmail.com e indicando nome e apelidos, lugar de residencia, se a asistencia será presencial ou en streaming, e preferencia por un dos dous talleres de tarde simultáneos. As prazas son limitadas e asignaranse por orde de inscrición.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Las Xornadas de Saúde Mental van a arrancar en Bertamiráns este viernes con 140 inscritos"

A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle mañá, 3 de maio, a primeira sesión das III Xornadas de Saúde Mental

Multimedia

  • A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle mañá, 3 de maio, a primeira sesión das III Xornadas de Saúde Mental
  • A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle mañá, 3 de maio, a primeira sesión das III Xornadas de Saúde Mental