- Tematica
A Concellería de Mocidade presenta o concerto da banda Pauliña que se celebrará o vindeiro venres, 12 de marzo, ás 19.30 horas, no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. O grupo presentará o seu último traballo, A Malfalada, onde mesturan rock, folk country e blues. Por mor das restricións hixiénico-sanitarias, haberá límite de aforo e asignarase unha butaca, ben individual ou por agrupamento familiar, de forma automática na billeteira electrónica. Poderanse reservar como máximo 4 convites por persoa. Pódense reservar os convites na billeteira electrónica do Concello de Ames.
A banda Pauliña chega a Ames co seu último traballo A Malfalada. Paula Chaves, máis coñecida como Pauliña no panorama musical é unhas das voces femininas con máis carácter e personalidade da actualidade. A súa imaxe provocadora, a súa forma de ser: directa, sinxela, achegada... non deixa indiferente a ninguén.
A concelleira de Mocidade, Escarlata Pampín, anima á veciñanza de Ames a que acuda ao concerto de Pauliña xa que “conta cun directo potente e demoledor. Esta banda mestura o country coa música folk, rock e blues. As críticas recibidas sobre os seus dous primeiros traballos por parte do público e dos medios así o demostran”.
Deste xeito, a banda Pauliña presentará o seu último traballo que saíu a luz en marzo do 2020 e que leva por nome A Malfalada. Para este proxecto musical que a cambadesa emprendeu, sempre cara adiante, Pauliña, rodeouse dunha gran banda formada por músicos con máis de 20 anos de experiencia enriba das táboas, e que levan moitos concertos as súas costas, o que fai que conexión no escenario entre ela e a banda sexa total, e que esta se contaxie a todos/as aqueles/as que se achegan os seus directos. A banda está formada por Iago Jorge (batería); Lolo Arincón (baixo); Paco Montoto (teclados e melódica); e Julián Gullón (guitarra).
A Malfalada de Pauliña é un disco cheo de forza, a mesma que ela descarga en directo, que fai que ao mesmo tempo que nos transmite as súas inquedanzas e a maneira de ver o mundo, nos convide a bailar polo ritmo que os seus músicos e a súa voz nos transmiten.
Neste ano 2021, Pauliña segue cara adiante, con novos traballos nos que puxo sangue, suor e rabia, que de seguro sorprenderá a propios e alleos. A Concellería de Mocidade en conmemoración do día internacional da Muller, convida á mocidade de Ames a escoitar a Pauliña, un moza galega, forte, emprendedora e loitadora.
Novas relacionadas:
Lindeiros: "A música de Pauliña este venres en Bertamiráns"
El Correo Gallego: "A banda Pauliña presenta o seu traballo ‘A malfalada"