Pestanas principais

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este domingo o Concerto de Reis das agrupacións corais de Ames

Mércores, 04 de xaneiro de 2023

A programación de Nadal do Concello de Ames chega ao seu remate este domingo, 8 de xaneiro, co tradicional encontro que protagonizan anualmente distintas agrupacións corais. Nesta ocasión, o concerto celebrarase na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 19:00 horas, e nel participarán a Coral Lojo Batalla de Tapia, o Coro parroquial de Piñeiro e Ames, a Coral Polifónica Antonio Santomil de Bugallido, e o Coro Son Elas. Os convites son de balde e xa están dispoñibles na billeteira electrónica do Concello de Ames

En representación da comarca de Tapia acudirá o grupo coral Lojo Batalla, un dos máis recoñecidos do concello. A agrupación naceu dunha iniciativa veciñal, e o seu repertorio inclúe xéneros como a canción popular, temas tradicionais e música relixiosa, tanto en galego como en castelán. O nome do coro fai referencia a Óscar Lojo-Batalla Sampedro, que foi alcalde de Ames entre 1931 e 1936 e fundou varias escolas, chegando a costear do seu propio peto a construción do colexio de Tapia. Así mesmo, tamén foi o creador dunha feira de gando e produtos do campo en Barouta. Durante o concerto, o coro Lojo Batalla interpretará unha panxoliña de Portugal, unha habanera e unha canción popular.

No evento participarán tamén os coros parroquiais de Piñeiro e Ames, que teñen orixes similares, ao seren creados en 2002 pola mesma mestra, Anxos Renieblas. O obxectivo de ambos é amenizar as celebracións eucarísticas nas súas respectivas parroquias, formando un grupo dinámico, con representación de distintas idades e caracterizado polo acompañamento de guitarras e percusión, o cal os diferenza das corais máis tradicionais. Nesta ocasión, interpretarán os temas “Chegaron a pé”, “En Navidad” e “Cuando los Reyes”.

Pola súa banda, a Coral Polifónica de Bugallido foi fundada no ano 1971 por Antonio Santomil, que era o párroco naquel momento. O grupo coral funcionou ata o ano 1981, no que, debido ao falecemento prematuro do seu fundador, quedou inactivo. A finais de 1991 un grupo de antigos compoñentes recuperaron a actividade, creando a Asociación Cultural “Antonio Santomil”, dentro da que se encadra a coral polifónica. Dende entón, o coro participa en numerosos certames e festivais ao longo de toda a xeografía galega, baixo a batuta de Xosé Ramón Santomil. No encontro interpretará “Os cregos e os taberneiros”, de Ángel Viro, “Rueda de Chamosa”, de Xulio Domínguez e “Suite comercial navideña”, de José Bernardo Álvarez.

Para finalizar, participará tamén a Coral Son Elas, formado na súa totalidade por mulleres con idades comprendidas entre os doce e os setenta e cinco anos. O nome “Son Elas” xurdiu da súa dobre condición: mulleres e apaixonadas da música, que empregan as súas voces con certo ton reivindicativo do papel da muller na sociedade. A dirección e os arranxos corren a cargo de Pilar Martínez, que adapta temas de distintos estilos, variados e contemporáneos, a maioría en lingua galega. Desta volta, os temas escollidos son “Verde mar”, un tema brasileiro, “I will follow him”, da película Sister act, “Siyahamba”, unha canción tradicional zulú e “A quen lle importa”.

O departamento de Cultura do Concello de Ames informa de que os compoñentes do Coro de Oca, que tamén ían participar no encontro, finalmente non poderán asistir debido a motivos persoais, e lamentan as molestias ocasionadas.

A concelleira de Cultura, Natividade González, destaca que con esta iniciativa danse por finalizados “todos os concertos que estaban previstos para o Nadal, tanto das nosas propias asociacións culturais como de agrupacións externas. Este recital é o peche de pano das festas de Nadal”. Así mesmo, a concelleira sinala que “a partir de agora centrarémonos na nova programación que temos para o próximo trimestre do ano, que tamén é intensa e moi extensa, e que abarca tanto artes escénicas como outras disciplinas”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Cita cas mellores corais e coros da Maía para despedir o Nadal este domingo"

Lindeiros: "Concerto de Reis na Casa da Cultura do Milladoiro, en Ames"

La Voz de Galicia: "Música de corales en Ames y concierto benéfico en Dodro"

O concerto será a última das actividades de Nadal do Concello de Ames

Multimedia

  • A Casa da Cultura do Milladoiro acolle este domingo o Concerto de Reis das agrupacións corais de Ames