Pestanas principais

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle a exposición "Padrón. Os camiños da cultura"

Mércores, 23 de febreiro de 2011

[23-02-2011] A exposición "Padrón. Os camiños da cultura" poderá visitarse na Casa da Cultura do Milladoiro ata o día 15 de marzo. A mostra, que estará aberta ao público durante as próximas semanas, recolle temas coma as orixes en Padrón da tradición xacobea, as cartas de privilexio e recomendación de reis como Fernando II e Felipe V ou a tradición literaria padronesa, con nomes como Rosalía de Castro ou Camilo José Cela. Esta mostra pode visitarse de luns a sábado en horario de mañá, 10:00 h. a 14:00 horas, e de tarde, de 17:00 h. a 20:00 horas.

A importancia de Padrón na historia de Galicia e a rica historia deste Concello son recollidas nunha exposición que poderá visitarse na Casa da Cultura do Milladoiro ata o día 15 de marzo. "Padrón. Os camiños da cultura" conducirá aos visitantes ao longo de dous milenios ateigados de lendas, figuras e lugares que cómpre lembrar. A mostra recolle a lenda da Traslatio, a historia popular que recolle a chegada dos restos do apóstolo Santiago a Iria Flavia trala súa execución en Palestina. Tamén fai un percorrido pola tradición xacobea recompilando os lugares de Padrón asociados ao Xacobeo, e amosando a influencia que ten na heráldica municipal. Indícanse ademais o conxunto dos camiños xacobeos actuais.

A mostra contén fontes documentais de grande valor, como son as Cartas de Privilexio que os reis desde Fernando II a Felipe V outorgaron á vila por ser o lugar de amarre da barca apostólica entre 1.164 e 1.701, incluíndo as que asinaron os Reis Católicos ou a súa filla Xoana I de Castela, máis coñecida como Xoana a Tola. Tamén se recolle información sobre a Pedronía, o certificado que o Concello de Padrón outorga aos peregrinos que cheguen a esta vila para coñecer os lugares antigos e orixinarios do culto xacobeo.

A exposición non pode esquecer unha das vertentes máis senlleiras de Padrón: a literaria. Así a exposición recolle as historias de varias figuras da literatura galega e universal nadas en Padrón. É o caso de Macías o Namorado, poeta medieval autor de 21 cantigas recollidas no Cancioneiro de Baena, ou de Juan Rodríguez de la Cámara, monxe franciscano no mosteiro de Herbón no século XV e autor de varias obras en prosa e verso.

Tamén se recollen as vidas dos xornalistas Manuel Barros e Agapito Pajares Ojeros, e o pintor Rafael Balsa de la Vega. A exposición non podía esquecer as dúas figuras máis importantes da literatura nadas en Padrón: Rosalía de Castro e Camilo José Cela, a poetisa por excelencia de Galicia e o único premio Nobel da literatura galega.

As persoas que se acheguen á Casa da Cultura do Milladoiro poderán tamén coñecer algo máis sobre o famoso Xardín Histórico-Artístico de Padrón que alberga especies vexetais de todo o mundo e lembra a persoeiros de importancia como o galeguista Daniel Castelao nun busto. Ademais poderán coñecer a localidade de Herbón, que alberga un fermoso mosteiro e é o fogar do produto máis famoso de Padrón: o pemento.

"Padrón. Os camiños da cultura" pode visitarse de luns a sábado en horario de mañá, de 10:00 h. a 14:00 horas, e pola tarde, de 17:00 h. a 20:00 horas. Na súa organización colaboran os concellos de Padrón e Ames, a Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia. O concelleiro de Cultura de Padrón, Eloy Rodríguez, salientou nunha entrevista en Ames Radio o esforzo da corporación padronesa por "achegar o seu patrimonio, a súa historia, a súa cultura e por suposto a súa tradición" aos concellos veciños. Ademais incidiu na necesidade de entender Padrón e os concellos próximos, incluído Ames, como un conxunto, e " proxectar que cada un ten as súas riquezas culinarias, históricas e culturais para facer ese sentido de país que debemos de ter".

A nova noutros medios dixitais:

Contido relacionado


El Correo Gallego: "La casa de cultura de O Milladoiro acoge una muestra sobre Padrón"
El Correo Gallego: "La casa de cultura de O Milladoiro acoge una muestra sobre Padrón"
El Correo Gallego: "La casa de cultura de O Milladoiro acoge una muestra sobre Padrón"