- Tematica
A Casa da Cultura do Milladoiro acolle entre o 27 de novembro e o 18 de decembro a exposición fotográfica “Proxectos de axuda á infancia” da Fundación Tierra de Hombres. A inauguración da mostra será o luns 27 de novembro, ás 20.00 horas, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. Ademais da inauguración farase unha charla de presentación de dita mostra. Esta exposición conta coa colaboración do Concello de Ames.
A Casa da Cultura do Milladoiro contará dende o vindeiro luns, 27 de novembro, coa exposición fotográfica “Proxectos de axuda á infancia”, onde se recollen imaxes dos proxectos de cooperación de axuda á infancia que desenvolve a Fundación nas áreas de Saúde Materno-Infantil, Protección e Dereitos da Infancia.
A mostra fotográfica recolle imaxes do programa de saúde «Viaxe cara á Vida» desenvolto por Tierra de Hombres en Galicia desde o ano 2003 e que fai posible que nenos e nenas africanos con graves enfermidades sexan tratados en hospitais ata a súa recuperación e regreso coas súas familias. Para a realización de dita mostra contouse coa colaboración dos fotógrafos Marcos Martínez e Marcos Cenamor.
Cea solidaria
Por outra banda, a Fundación Tierra de Hombres organiza este venres, 24 de novembro, unha cea solidaria, á que pode asistir calquera persoa que queira aportar o seu gran de area, terá un prezo de 30 euros para adultos e de 15 euros para nenos, que serán aboados no número de conta ES88 2080 0036 6730 4001 9673.
Os fondos que se consigan servirán para apoiar os proxectos que desenvolve a fundación. As reservas para participar na cea solidaria pódense formalizar enviando un correo a deleg.galicia@tierradehombres.org ou chamando ao teléfono 600 322 944.
Fundación Tierra de Hombres
A Fundación Tierra de Hombres adícase fundamentalmente á Cooperación ao Desenvolvemento. No ámbito da saúde, loitan por ofrecer un acceso aos coidados básicos a todos os nenos e nenas, sen ter en conta o lugar onde se atopen.
Os seu traballo neste ámbito inclúe un importante seguimento vinculado á desnutrición, así como un dos proxectos históricos de Tierra de Hombres, Atencións Médicas Especializadas (AME) con traslados para coidados especializados co programa “Viaxe cara á Vida”. Este, lévase a cabo cando a enfermidade dos pequenos precisa dunha tecnoloxía e infraestruturas das que carecen nos seus países de orixe.