- Tematica
A Asociación Cultural Antonio Santomil, en colaboración co Concello de Ames e a Deputación da Coruña, organiza este domingo un concerto de corais para conmemorar o Día Internacional da Música. A Coral Polifónica de Bugallido, a Coral Polifónica Fonte do Souto de Culleredo e a Coral Polifónica Ars Cantorum de Ponteareas serán as encargadas de levar a música ao auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro. O concerto terá lugar este domingo, 29 de setembro, ás 20:00 horas con entrada de balde.
A Coral Polifónica de Bugallido, dirixida por Xosé Ramón Santomil e con corenta e oito anos de percorrido, está composta por 32 voces mixtas e conta cun repertorio que abarca todo tipo de polifonía: música popular galega, habaneras, música sacra, renacentista, etc. Ao longo da súa exitosa traxectoria, a coral ofreceu concertos por toda Galicia e fóra da comunidade. Cabe resaltar a súa actuación nas Catedrais de Santiago e Oviedo. Con máis de vintecinco anos de traxectoria, a Coral Polifónica Fonte do Souto, de Culleredo, está dirixida por Luciano Lago e acumula xa una dilatada experiencia en actuacións en directo, tanto nos concellos da comarca coruñesa como en diferentes puntos de Galicia. Finalmente, a Coral Polifónica Ars Cantorum, de Guillade (Ponteareas), foi creada no ano 2005 e dirixida por Javier Alonso. Está formada por trinta voces mixtas cun repertorio que inclúe polifonía tanto relixiosa como popular.
A concelleira de Cultura, Natividade González, invita a toda a veciñanza a que “acuda ao Milladoiro a gozar do concerto e comprobar o excelente traballo que se segue a realizar desde a asociación cultural Antonio Santomil, nomeadamente coa coral polifónica. Ademais, teremos a oportunidade de escoitar outras corais galegas que, a bo seguro, deixarán a súa impronta cun estilo de música moi arraigado ao noso concello”.
Novas relacionadas:
Compostela 24 horas: "A Casa da Cultura do Milladoiro acolle un concerto de corais"