Pestanas principais

A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu a estrea do documental “Ames, terra de acollida”

Luns, 31 de outubro de 2022

O pasado venres, 28 de outubro, estreouse no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro o documental “Ames, terra de acollida”. Trátase dun documental sobre a industria e a actividade económica no concello de Ames, pero no que tamén se abordan outras temáticas como o crecemento demográfico e urbanístico, a multiculturalidade da poboación amesá, así como os atractivos culturais, turísticos e patrimoniais do concello amesán. A súa veciñanza, representantes do seu tecido asociativo e distintos persoeiros senlleiros, interveñen tamén cas súas testemuñas, para afondar na esencia desta terra. O documental está producido por Xurdir Producións Audiovisuais e conta coa colaboración do Concello de Ames. Premendo nesta ligazón podes ver o documental.

Tradición, integración, experiencia, vangarda, xuventude, multiculturalidade e progreso. Asi é Ames un concello que mira ao futuro sen dar as costas ao pasado, que crece e se renova con paso firme, pero sen esquecer a súa orixe e sen deixar a ninguén atrás. Un lugar cuxa identidade resulta dunha mistura única, dunha forma de ser e de facer as cousas e de dar a benvida ás persoas que chegan, sexa de paso ou para quedarse. Así é Ames, terra de acollida.

Deste xeito comeza o documental “Ames, terra de acollida” que está producido por Xurdir Producións Audiovisuais e conta coa colaboración do Concello de Ames. Trátase dun documental no que se fai referencia ao crecemento urbanístico e demográfico experimentado no municipio amesá. A mediados do século XIX o concello de Ames tiña unha poboación de algo máis de 5.000 persoas. Esta cifra foi incrementándose lentamente ata a explosión dos últimos 25 anos que sitúan a poboación en máis de 32.000 habitantes.

Ademais, faise un percorrido polo tecido empresarial e a actividade económica que se xera no concello. 17 proxectos empresariais diversos e representativos, tiveron cabida neste aposta por visibilizar os axentes económicos que serven de exemplo da puxanza deste municipio. Casa Abelleira; o obradoiro de Xosé Tunhas, artesán de instrumentos de percusión; a peluquería de Julia F. Nogueira; Centro dental Macía; Escenoset; Talleres V. Auto; Mollos e moios; Calzamoda Romeu; Óptica e ortopedia Hermo; Gestinfor; Limpiezas Germania; Squash Club Santiago; Segundo Rey; Tesec audiovisuales e D3 Applied Technologies, son exemplos da variedade comercial e empresarial que ten o concello de Ames.

Algunhas das persoas que interveñen en dito documental son José Varela, Isolina Martínez e Merlita Álvarez, veciños/as de Bertamiráns; o párroco do Milladoiro, José Manuel Guldrís; Alfredo Taboada, expresidente da Cofradía da Madalena; Evangelina Barbanca e Victoria Abelleira, de Casa Abelleira; Leonardo Pena, mediador intercultural do Concello de Ames; Jorge López, presidente da Xuntanza de Empresarios de Ames; Javier Santos, presidente da asociación de empresarios Novo Milladoiro; José Manuel Fernández, presidente da asociación de comerciantes Palmira Bulevar; Borja Golán, dobre campión de Europa e 17 veces campión de España de squash; entre outros moitos/as.

Liña argumental do documental
A principal liña argumental do documental é a actividade comercial e empresarial do concello, pero isto vaise mesturando con outras temáticas como o crecemento demográfico e urbanístico, a multiculturalidade da poboación amesá, así como os principais atractivos culturais, turísticos e patrimoniais do concello amesán. A súa veciñanza, representantes do seu tecido asociativo e distintos persoeiros senlleiros, interveñen tamén cas súas testemuñas, para afondar na esencia desta terra.

O acto de estrea foi presentado pola xornalista Belén Xestal, e interviron Blas Garcia, alcalde de Ames, e Ignacio Seijo, director da produtora Xurdir.  O director da produtora Xurdir, Ignacio Seijo, aproveitou para "darlle as gracias ao alcalde, Blas, e á Corporación municipal do Concello de Ames por aceptar este proxecto", así como para poñer en valor o traballo "das empresas e empresarios que nos abriron as súas portas, e que representan a todo o tecido do concello. Levamos 34 documentais feitos e de todos eles saímos satisfeitos, esperamos que o público tamén desfrute este", concluíu.

Pola súa banda, o alcalde de Ames, Blas García, agradeceu "aos empresarios e emprendedores que participaron neste proxecto. Sodes unha parte moi importante non só do documental, senón tamén para Ames. Sen o voso traballo e dedicación o concello nunca tería chegado a ser o que é". Tamén destacou que "Ames é un lugar con moita historia, e unha das miñas teimas é que os veciños e as veciñas do concello coñezan toda a súa historia, tradición, cultura e patrimonio. Temos moito que amosar, sintámonos orgullosos".

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Presentan el documental que resume todo un Ayuntamiento: 'Ames, terra de acollida'"

La Voz de Galicia: "Las ciento y una caras del municipio, retratadas en el documental 'Ames, terra de acollida"

 

 

A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu a estrea do documental “Ames, terra de acollida”

Multimedia

  • A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu a estrea do documental “Ames, terra de acollida”
  • A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu a estrea do documental “Ames, terra de acollida”
  • A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu a estrea do documental “Ames, terra de acollida”
  • A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu a estrea do documental “Ames, terra de acollida”
  • A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu a estrea do documental “Ames, terra de acollida”