- Tematica
Este venres, 9 de xuño, celebrouse no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro a gala de entrega de premios do XX Certame Literario Concello de Ames, un acto literario-musical no que participaron os 18 gañadores nas modalidades de poesía e de narrativa. O evento conduciuno Josito Porto con moito dinamismo, humor e emoción. Da parte musical encargouse o propio Josito Porto, acompañado por Sabela Dacal e Rafa Otero, e o os grupos de Linguaxe Musical e o Combo Folk da Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) que abriron e pecharon o acto.
O Certame Literario Concello de Ames é un concurso xa consolidado no panorama literario galego e referente para os creadores e creadoras en lingua galega. Este ano, o certame alcanzou a súa vixésima edición. Neste 2023 presentáronse 167 traballos procedentes de toda Galicia e mesmo doutros puntos máis afastados da nosa xeografía, como Polonia, Madrid ou Extremadura.
Nestes vinte anos de traxectoria do concurso recibíronse máis de 3.000 obras, e foron premiadas e publicadas un total de 360. Os 18 gañadores nas modalidades de narrativa e poesía da vixésima edición recibiron o pasado venres os seus galardóns, na Casa da Cultura do Milladoiro.
No evento interviu a concelleira de Normalización Lingüística en funcións, Escarlata Pampín, que sinalou que “este certame naceu coa pretensión de que os novos poetas e narradores tiveran unha oportunidade máis para darse a coñecer e facernos partícipes a todos nós dos seus traballos literarios. Este obxectivo cumpriuse sobradamente, xa que, vinte anos despois, nomes que apareceron nas listaxes de premiados deste certame ocupan hoxe postos relevantes nos andeis das librarías do país”.
Pampín continuou dicindo que “as grazas máis importantes debemos dárvolas a todas as persoas participantes, que nos agasallades palabras, historias, soños e lingua coas vosas creacións. Vós sodes as auténticas protagonistas. Neste certame participan moitos nenos e nenas. Elas e eles representan o futuro da nosa lingua e das nosas letras. Oxalá dentro doutros vinte anos sigamos sentindo polo noso Certame Literario a fachenda e o orgullo que sentimos hoxe”.
A concelleira en funcións nomeou aos concelleiros e concelleiras da área de Normalización Lingüística que a precederon e recoñeceu a aposta por consolidar esta convocatoria de todas e de todos eles. “A lingua é patrimonio e responsabilidade colectiva e de todos nós, independentemente da cor política, vai depender que veñan mil primaveras máis”.
Para rematar, quixo destacar o traballo das persoas integrantes dos diferentes xurados e do alumnado da Escola Municipal de Música de Ames que ano tras ano lle puxo música a esta gala.
Tras a intervención da concelleira foi a quenda do alcalde de Ames en funcións, Blas García, que expresou que “a lingua galega e a nosa cultura estiveron por riba de todo, e fomos capaces de chegar á vixésima edición deste certame literario, un certame de referencia en toda Galicia e incluso fóra. Os nosos pequenos non son o futuro, son o presente da lingua galega. O importante é que eles sigan facendo uso da nosa lingua a diario, e para iso nós debemos poñer en marcha programas coma este que os motiven e os incentiven”.
Premios do XX Certame Literario
O presentador do acto, Josito Porto, citou ás persoas que formaron o xurado deste ano, Ismael Ramos Castelo, Anna R. Figueiredo e Andrea Porto Mato, todas elas premiadas en anteriores edicións do Certame Literario Concello de Ames e dedicadas ao mundo da creación literaria e da docencia. Andrea Porto e Anna R. Figueiredo interviron en nome do xurado e destacaron a dificultade da decisión debido á alta calidade das obras recibidas e animaron a todas as presentes a seguir creando, a exercitarse para atopar as palabras necesarias para calquera situación vital, dado que “sen palabras poderíamos sobrevivir, pero non vivir en plenitude”.
Premiadas obras procedentes de 14 concellos
Deseguido, procedeuse á entrega dos premios do XX Certame Literario Concello de Ames de narrativa e poesía. Entre a listaxe de obras premiadas atópanse textos procedentes de Negreira, Touro, Sada, Ames, A Coruña, Marín, Teo, Santa Comba, Nigrán, Arteixo, Carballo, Cangas, Lugo e Mos. No concello amesán quedan dous galardóns: o segundo premio da primeira categoría na modalidade de narrativa e o primeiro premio da terceira categoría na mesma modalidade.
As nove persoas premiadas na modalidade de narrativa foron Lucía Quintáns Suárez de Negreira, Iria Seoane Villa de Ames e Ana López Canosa da Coruña, na primeira categoría (ata os 13 anos); María Rodríguez Maroño de Touro, Alfredo Marques, residente entre Marín e Madrid, e Soraya Paredes Negreira de Santa Comba, na segunda categoría (de 14 a 17 anos); e Xosé Anxo Corral Suárez de Ames, Mónica Castro Pena de Sada e Avelino Salgueiro Troncoso de Teo, na terceira categoría (a partir dos 18 anos).
Na modalidade de poesía, as persoas galardoadas foron Arwen Fernández García de Nigrán, María Victoria Rodríguez Varela de Arteixo e Carme Pereira Troncoso de Lugo, na primeira categoría; Paula Expósito Giadás de Santiago de Compostela, Amalia Blanco Pose de Santa Comba e Manuel Muñoz Vázquez de Carballo, na segunda categoría; e Francisco Javier Fernández Davila de Nigrán, Laura Sánchez Castro de Mos e Lara Boubeta Bamio de Cangas, na terceira categoría.
Todos os textos premiados publicaranse nun libro colectivo que verá a luz no vindeiro mes de abril.
Novas relacionadas:
AMS GO!: "Entrega de premios do XX Certame Literario de Ames"