- Tematica
A Unión de Consumidores de Galicia vai impartir o mércores, 2 de novembro, ás 20.00 horas, unha charla sobre comercio electrónico, banca electrónica e as súas garantías. A charla impartirase no salón de plenos da Casa do Concello. Esta actividade enmárcase dentro do acordo que teñen asinado o Concello de Ames e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL).
No marco do convenio de colaboración entre a Union de Consumidores de Galicia e o Concello de Ames, o próximo mércores 2 de novembro, ás 20.00 horas, vaise celebrar no salón de plenos da Casa do Concello de Ames unha charla sobre comercio electrónico, banca electrónica e as súas garantías.
O contido da devandita xornada desenvólvese arredor das compras por Internet en Galicia; o proceso de compra online e maila simulación de compra en diferentes plataformas. Ademais, tocaranse temas como a persoa consumidora e os seus dereitos no comercio electrónico; e a compra entre particulares: Vibbo, Wallapop, Ebay, Milanuncios.
Outros temas que se abordarán serán as obrigas e dereitos; recoñecer as prácticas fraudulentas nas compras online; como e onde presentar unha reclamación; e a importancia dos nosos datos e da privacidade dixital.
A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, sinala que “as charlas que imparten os técnicos e técnicas da Unión de Consumidores de Galicia son sobre temas de interese e actualidade. Neste caso farase unha xuntanza informativa sobre comercio electrónico, banca electrónica e as súas garantías, temas que serán de grande axudas para a veciñanza amesá que realiza compras a través da rede”.
Servizo da UCGAL en Ames
Esta actividade enmárcase dentro do acordo que teñen asinado o Concello de Ames e a Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL). Asemade é importante lembrar que os veciños e veciñas que queiran facer algunha consulta nas oficinas de consumo sobre este tema ou calquera outro, soliciten cita previa para dispor dos servizos que ofrece a Unión de Consumidores de Galicia tanto en Bertamiráns coma no Milladoiro. Así poderán facer unha consulta personalizada e individual sobre cada caso en particular.
O persoal técnico da UCGAL atende ás persoas consumidoras do Milladoiro, nas instalacións da rúa Viorneira, número 6, baixo, os martes de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. En Bertamiráns, as oficinas están situadas no Pazo da Peregrina e a atención ao público realízase os xoves de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:30 horas. Para obter cita previa pódese chamar ao número de teléfono 662 13 03 12 ou enviar un correo electrónico ao enderezo info@consumidores.gal.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Informarán do comercio e a banca electrónica aos consumidores de balde"