Pestanas principais

A Casa do Concello de Ames ilumínase de azul polo Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo

Venres, 01 de abril de 2022

O Concello de Ames súmase ás conmemoracións polo Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, que se celebra o 2 de abril, e tinguirá a fachada da súa casa consistorial de azul dende o serán deste venres 1 ata o domingo 3. Estímase que en Europa unha de cada cen persoas ten TEA, ou trastorno do espectro autista, que afecta fundamentalmente á comunicación, á interacción social e á flexibilidade do comportamento e do pensamento.

Cada ano miles de edificios en todo o mundo ilumínanse de azul como mostra de apoio e solidariedade coas persoas con TEA. No 2021,  ilumináronse en España máis de 400 monumentos, mentres que en Galicia rexistráronse uns 50, entre os que se atoparon a Torre de Hércules, o CGAC, As Burgas ou a Cidade da Cultura. Neste 2022, o obxectivo é chegar a 450 edificios a nivel nacional.

Neste senso, O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, colabora coa asociación Autismo Galicia e participa un ano máis na campaña mundial #LIUB (“Light It Up Blue”), promovida por Autism Speaks e as diferentes asociacións a nivel europeo e nacional. Deste xeito, Ames tinguirá de azul a fachada da súa casa consistorial dende a tarde-noite do venres 1 de abril ata o domingo 3.

No ano 2007, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas declarou o 2 de abril como o Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, co obxectivo de poñer o aceno na necesidade de traballar en prol da mellora da calidade de vida das persoas con autismo como parte integrante da sociedade. Para conmemorar este día, as organizacións Autismo Europa, Autismo España e Autismo Galicia promoven unha serie de actividades para dar visibilidade a este tipo de trastorno.

Ademais da iniciativa de iluminar edificios e monumentos, estas tres organizacións desenvolven neste ano 2022 a campaña “Unha feliz viaxe pola vida”, coa que queren incidir no dereito das persoas con TEA e das súas familias a vivir unha vida feliz e gozar de calidade de vida. Para iso, buscan continuar traballando nos ámbitos da detección e o diagnóstico, da atención temperá, da educación, da autonomía na vida adulta e do envellecemento activo.

Os trastornos de espectro autista ou TEA inclúen unha ampla variedade de trastornos de orixe neurobiolóxica, que afectan á configuración do sistema nervioso e ao funcionamento do cerebro. Estímase que en Europa unha de cada cen persoas ten TEA, polo que en España habería arredor de 450.000 persoas con autismo.

O TEA afecta fundamentalmente á comunicación, á interacción social e á flexibilidade do comportamento e do pensamento ao longo de toda a vida da persoa, malia que pode manifestarse de xeito moi diverso dependendo da etapa do desenvolvemento ou das experiencias ou estratexias adquiridas pola persoa que o presenta.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Iluminan de azul a casa do concello no Día do Autismo"

Imaxe de arquivo da Casa do Concello tinguida de azul

Multimedia

  • Imaxe promocional do Día Mundial do Autismo 2022