Pestanas principais

A Casa do Concello de Ames tínguese de verde polo Día Nacional do Doante de Órganos e Tecidos

Martes, 31 de maio de 2022

O Concello de Ames súmase ás conmemoracións polo Día Nacional do Doante de Órganos e Tecidos, que se celebra este mércores 1 de xuño, e iluminará a fachada da súa casa consistorial de verde no serán deste mércores 1. Malia a situación de crise epidemiolóxica, en 2021 realizáronse en España 4.781 transplantes de órganos, o que mantén ao sistema nacional como un líder mundial de referencia neste eido.

O primeiro mércores de xuño de cada ano ten lugar en España o Día Nacional do Doante de Órganos e Tecidos, unha xornada conmemorativa organizada pola unión das entidades de doentes ALCER, a Federación Nacional para a loita contra as Enfermidades do Ril; a Federación Española de Fibrose Quística, FEFQ; a Federación Española de Transplantados do Corazón, FETCO; e a Federación Nacional de Doentes e Transplantados Hepáticos, FNETH, co apoio da Organización Nacional de Transplantes, a ONT.

Neste senso, o Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, colabora un ano máis coa Federación ALCER Galicia, e seguindo a petición desta entidade, iluminará de verde a fachada da Casa do Concello, en Bertamiráns, durante o serán do mércores 1 de xuño.

No ano 2021, e malia as dificultades as que se enfrontaron estes procedementos por mor da situación de crise epidemiolóxica, realizáronse en España 4.781 transplantes de órganos, unhas cifras que aínda non alcanzan os niveis de 2019, pero que significan unha recuperación con respecto a 2020, o primeiro ano de pandemia, do 8% en transplantes e do 7% en doazóns de órganos.

Porén, cómpre lembrar a importancia da doazón de órganos e do papel desenvolvido pola Organización Nacional de Transplantes, que permiten que moitas persoas poidan seguir vivindo ou mellorar a súa calidade de vida. A 31 de decembro de 2021, a lista de espera de doentes pendentes dun órgano era de 4.762, un número que apenas variou con respecto a 2020, cando eran 4.794.

Deste xeito, o Día Nacional do Doante de Órganos e Tecidos serve de homenaxe á xenerosidade de todas as persoas doantes e familiares, e busca trasladar de forma conxunta o agradecemento de miles de persoas que se someten a un proceso que muda e salva vidas.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Iluminación en verde para poñer o foco sobre a doazón de órganos e a miastenia"

El Correo Gallego: "Tinguirán de verde a casa do concello polas doazóns"

A Casa do Concello de Ames tínguese de verde polo Día Nacional do Doante de Órganos e Tecidos