- Tematica
O Concello de Ames súmase ás conmemoracións polo Día Mundial contra a meninxite, que se celebra este mércores 5 de outubro, e iluminará a fachada da súa casa consistorial de verde no serán. A meninxite é unha enfermidade infecciosa, que se estima que afecta a unhas 12.000 persoas ao ano en España e a arredor de 2,5 millóns de persoas en todo o mundo, segundo a Organización Mundial da Saúde. Calquera persoa pode contraer esta enfermidade, a primeira causa de morte por infección en nenos e adolescentes.
O Día Mundial contra a meninxite celebrouse por primeira vez no 2008, co fin de concienciar sobre a enfermidade como un problema de saúde pública mundial. Dende entón, esta xornada vénse celebrando o 24 de abril, mais a partir deste 2022 o día cambia ao 5 de outubro, tras un acordo entre a OMS e as diferentes asociacións a nivel mundial, que se suman á folla de ruta “Derrotar á meninxite para 2030”.
Neste senso, a OMS estableceu varios obxectivos para reducir o impacto desta enfermidade infecciosa nos próximos dez anos, entre os que se inclúen eliminar as epidemias de meninxite bacterianas; reducir os casos de meninxite bacteriana mediante vacinación nun 50% e as defuncións nun 70%, e reducir a discapacidade e mellorar a calidade de vida das persoas que superaron a enfermidade.
A meninxite é a inflamación das membranas que recobren o cerebro e a medula espiñal. Pode ser de orixe vírica ou bacteriana, a máis perigosa das dúas. Polo xeral, esta pode progresar moi rapidamente, mentres que a vírica é dolorosa, pero polo xeral de menor gravidade. Estímase que en España a meninxite afecta a 12.000 persoas ao ano, mentres que a OMS calcula uns 2,5 millóns de casos anuais en todo o mundo.
A vacinación e o recoñecemento precoz dos síntomas son a mellor defensa contra a enfermidade. Algúns das trazas que poden diferenciar a enfermidade poden ser dor nas pernas, pes e mans frías, diminución do nivel de conciencia ou convulsións, ademais dos síntomas habituais doutras infeccións, como febre, irritabilidade nos bebés, dor de cabeza ou vómitos.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "A casa do concello de Ames tinguirase de verde polo Día contra a meninxite"
AMSGO!: "A Casa do Concello de Ames tínguese de verde polo Día Mundial contra a Meninxite"