- Tematica
Hoxe, 1 de outubro, é o Día Nacional da Artrite. O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social, quere sumarse á homenaxe a todas as persoas con artrite reumatoide, artrite psoriásica, artrite idiopática xuvenil, a espondilitis anquilosante e espondiloartritis. Por iso, durante esta tarde a Casa do Concello iluminarase de cor verde coa intención de ser partícipes na campaña de sensibilización desta enfermidade.
Estímase que en España hai máis de 1 millón de persoas con estas enfermidades, que poden xurdir a calquera idade xerando un gran impacto tanto físico como psicolóxico. Todas estas son doenzas crónicas, polo que non teñen cura, aínda que si poden entrar en remisión, e xorden por unha alteración do sistema inmune de causa descoñecida.
Co obxectivo de dar visibilidade a estas enfermidades, que son grandes descoñecidas para gran parte da poboación, e apoiar ás persoas que as padecen, en 2006 a Coordinadora Nacional de Artrite, ConArtritis, xunto coas súas asociacións membro, puxeron en marcha a campaña “Outubro, mes da artrite e espondiloartritis”.
Baixo o lema de 2024 "Luce pola artrite", a asociación pretende que as persoas con enfermidades reumáticas inmunomediadas reflexionen e sexan conscientes dos sinais que envía o propio organismo para que o autocoidado sexa máis efectivo.
A doenza soe provocar dor, inflamación das articulacións, afectación na pel, rixidez, e outra serie de efectos. Ademais, poden xurdir outras alteracións que pasan desapercibidas por descoñecemento provocando un mal control da enfermidade. Por este motivo escolleuse este lema.
29 de setembro, Día Mundial da Retina e da Retinose Pigmentaria
O pasado domingo, 29 de setembro, celebrouse o Día Mundial da Retina e da Retinose Pigmentaria, unha data que busca lembrar a importancia das enfermidades dexenerativas da retina e as implicacións que teñen para milleiros de persoas en todo o mundo. O Concello de Ames sumouse á conmemoración deste día iluminando a Casa do Concello coas cores azul e verde.
Co obxectivo de dar visibilidade a estas doenzas, apoiar ás persoas que as sofren e promover a prevención, a Federación de Asociacións de Distrofias Hereditarias de Retina de España (FARPE) e a Fundación Loita contra a Cegueira (FUNDALUCE) impulsaron en 2021 o proxecto “Luces que inspiran: España ilumina a retina”.