[17-11-2013] A festa por excelencia do Outono, o Magosto, celebrouse este sábado 16 de novembro en Ames. A praza de Manuel Murguía, situada no Milladoiro, acolleu esta celebración na que a veciñanza puido vivir unha tarde chea de música tradicional, castañas, chourizo con pan, doces caseiros e, como non, moita festa. O magosto comezou ás 17:00 horas e desenvolveuse ao longo de toda a tarde. Ademais, organizáronse varias actividades que xiraron arredor da micoloxía. Durante a mañá deste sábado realizouse unha saída micolóxica para recoller cogomelos na que participaron máis de 70 persoas. Xa pola tarde, durante a festa do Magosto, fíxose a identificación e exposición dos cogomelos recollidos. O alcalde de Ames, Santiago Amor, e a concelleira de Cultura, María Eugenia Martín, estiveron na festa do Magosto.
Recollida de cogomelos
Por outra banda, durante a mañá deste sábado realizouse unha saída micolóxica para recoller cogomelos na que participaron máis de 70 persoas. Esta actividade tivo unha duración aproximada de catro horas, nas que os participantes recorreron a Senda Verde (dende O Milladoiro ata a a igrexa de Bugallido) co fin de iniciarse na micoloxía. O profesor José Manuel Castro Marcote foilles explicando aos participantes as boas prácticas que hai que ter en conta para recoller cogomelos. Tamén se impartiron unha serie de nocións para aprender a diferenciar as distintas especies de cogomelos e a súa comestibilidade ou toxicidade. Nesta saída fíxose especial fincapé en amosar a importancia ecolóxica dos cogomelos.
Os participantes estiveron divididos en varios grupos co fin de non esquilmar só unha zona de monte concreto. Deste xeito, tiveron acceso a cogomelos que medran en diferentes puntos do monte amiense (en carballeiras, piñeirais...). Xa pola tarde, fíxose unha exposición de todos os cogomelos durante a festa do Magosto. Entre as 16:00 h e as 19:00 horas realizouse a identificación e clasificación dos cogomelos recollidos. Trala exposición os cogomelos foron devolvidos ao monte para que as esporas caian na terra e volvan a nacer novos cogomelos.
Un ano máis o Concello de Ames, a través das Concellarías de Cultura e Medio Ambiente, organizou a festa do Magosto que este ano se desenvolveu na praza de Manuel Murguía, situada no Milladoiro. A celebración comezou ás 16:00 horas cunha exposición dos cogomelos que se recolleron durante a saída micolóxica que se desenvolveu o sábado pola mañá. Dende as 17:00 horas a música correu a cargo da agrupación de Lestedo, O Ghusto do Boi, e do grupo amiense Follas Novas, que foron os encargados de animar a festa.
A partir das 18:00 horas comezou a degustación gastronómica. A veciñanza amiense puido degustar castañas, pan con chourizo, doces caseiros e bebidas. Repartíronse 150 quilos de castañas asadas e 700 racións de pan con chourizo. Na celebración do Magosto colaboraron as familias dos alumnos/as de 6º de Primaria do CEP de Ventín, que foron os encargados de asar as castañas e puxeron á venta produtos artesanais co fin de recadar fondos para a excursión de fin de curso.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "El magosto de Ames repartió 150 kilos de castañas en Milladoiro"