Pestanas principais

Catro librarías amesás participan no sorteo de 800 euros en vales organizado polas bibliotecas municipais

Luns, 04 de abril de 2022

O departamento de Bibliotecas de Ames organiza polo mes do libro unha rifa de cheques regalo entre todas aquelas persoas que merquen libros nas librarías Lenda, Máinomen e Huargo Artis, en Bertamiráns, ou na papelaría O Tinteiro no Milladoiro, entre o 28 de marzo e o 23 de abril. Cada establecemento contará con oito premios de 25 euros, que se poderán gastar ata o 31 de maio. O sorteo realizarase o 27 de abril nas bibliotecas de Bertamiráns e do Milladoiro. Preme aquí para consultar as bases do sorteo ao completo.

Dende hai xa unha semana, as librarías Lenda, Máinomen e Huargo Artis, en Bertamiráns, e a papelaría O Tinteiro, no Milladoiro, reparten a cada persoa que merca libros unha papeleta para participar no sorteo que organizan polo mes do libro as bibliotecas de Ames. Ata o 23 de abril, cada compra nun destes establecementos valerá unha participación para optar a un dos cheques de 25 euros.

Con esta proposta, o Concello busca tanto fomentar a lectura como promover o uso das librarías locais, colaborando co sector do libro ante a situación derivada do coronavirus e fomentando o comercio local.

En cada papeleta, as compradoras e compradores deberán anotar os seus datos persoais e de contacto (nome e apelidos, DNI, enderezo electrónico e teléfono), para despois depositala nas urnas dispostas nos catro establecementos, e que o departamento de Bibliotecas recollerá ao remate da campaña. As persoas menores de idade tamén poderán participar, achegando os datos dunha persoa adulta, que exercerá como representante legal.

O mércores 27 de abril celebrarase o sorteo público nas dúas bibliotecas do Milladoiro e de Bertamiráns, ás 11:00 e ás 12:00 horas, respectivamente. Unha vez seleccionadas as persoas gañadoras, ata o 7 de maio o departamento poñerase en contacto con elas para facerlles entrega dos vales.

Cada participante só poderá recibir un vale, que se poderá gastar na propia libraría onde foi entregada a papeleta gañadora. Os gañadores e gañadoras terán ata o 31 de maio para gastar o seu cheque na libraría que lles corresponda.

Novas relacionadas

AMSGO!: "Sorteo de 800 euros en vales para catro librerías de Ames"

Catro librarías amesás participan no sorteo de 800 euros en vales organizado polas bibliotecas municipais

Multimedia

  • Catro librarías amesás participan no sorteo de 800 euros en vales organizado polas bibliotecas municipais
  • Catro librarías amesás participan no sorteo de 800 euros en vales organizado polas bibliotecas municipais