- Tematica
Os clubs de patinaxe artística Sarela, de Bertamiráns, e Omega, do Milladoiro, contaron a pasada fin de semana con representación no Campionato Galego de Patinaxe Artística, unha proba de categoría nacional. Ámbolos dous clubs completaron grandes actuacións, e os patinadores Jorge Sanmartín Villanueva (CP Sarela) e Irene Enríquez Rivas (CPA Omega) lograron clasificarse para disputar o Campionato de España.
A pasada fin de semana celebrouse na cidade da Coruña, no pavillón de Montealto, o Campionato Galego de Patinaxe Artística de categoría nacional. A el acudiron, en representación dos dous clubs de patinaxe artística amesáns, o CP Sarela (de Bertamiráns) e o CPA Omega (do Milladoiro), diversos patinadores.
Por parte do CP Sarela participou Jorge Sanmartín Villanueva, que se proclamou subcampión galego na proba de xuvenil masculino, o que lle asegura unha praza no Campionato de España, que se celebrará do 27 ao 29 de xullo en Parets (Cataluña).
Pola súa banda, Irene Enríquez Rivas, do CPA Omega, competiu en xuvenil feminino, facéndose co terceiro posto na súa categoría, de xeito que tamén queda clasificada para participar no Campionato de España.
Clasificación de dous patinadores do club Ágora
Outros dous patinadores amesáns estarán tamén presentes os días 27, 28 e 29 de xullo en Parets. Son Antía Lourido Villasenín e Hugo Bercero Rivas, do club Ágora.
Lourido Villasenín proclamouse campioa galega na categoría xuvenil, alzándose co ouro. Tras a execución do disco curto na tarde do sábado, a deportista acadou a primeira posición, revalidando a primeira praza na xornada do domingo coa realización dun magnífico programa longo. Cabe destacar que Antía Lourido está a realizar unha gran tempada, tras alzarse tamén como campioa provincial no mes de maio, título que revalida por terceiro ano consecutivo. Será a terceira ocasión na que represente a Galicia no Campionato de España, posto que xa participou nos anos 2019 e 2021, colocándose entre as mellores patinadoras do país.
Así mesmo, Hugo Bercero Rivas Mareque acadou a segunda posición, proclamándose subcampión galego, tras ter sido medalla de bronce no Campionato Provincial.