- Tematica
O sábado 9 e o domingo 10 de abril tiveron lugar en Padrón os campionatos galegos de xadrez nas categorías sub10 e sub12, nos que participaron catro nenos do Escola Ames Xadrez. Neste senso, destacou a actuación de Sergio Calvo, que se proclamou subcampión sub10.
Catro rapaces participaron nos campionatos galegos de xadrez sub10 e sub12 como parte da Escola Ames Xadrez, que se celebraron a comezos de mes en Padrón. Na categoría sub10 competiron Sergio Calvo e Unai Casares, mentres que na sub12 participaron Noel Leis e Nico Amado, do Val do Dubra, que acode a estes torneos habitualmente co resto do club, e que adestra na escola municipal de Bertamiráns.
Na categoría sub10, Sergio Calvo rematou en segunda posición, unicamente perdendo puntos contra Lois Quintás, o rapaz que acabaría gañando a proba. Na mesma franxa de idade tamén cómpre destacar a actuación de Unai Casares, que estivo durante varias rondas loitando por entrar no top 5, e que ao final rematou nun gran noveno posto ao perder precisamente contra o seu compañeiro Sergio.
No que respecta á categoría sub12, Nico Amado tamén estivo a piques de colocarse entre os cinco primeiros, aínda que ao final rematou undécimo, apenas a medio punto do quinto clasificado. Pola súa banda, Noel Leis acabou no posto 27 nunha clasificación moi parella, que se demostra polo feito de que foi quen de levar máis do 50% dos puntos en xogo.