Pestanas principais

Celebra as Prebadaladas 2023, que terán lugar este sábado, 31 de decembro, na praza do Concello

Xoves, 29 de decembro de 2022

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, organiza para este sábado, 31 de decembro, outra das iniciativas que se enmarcan dentro da programación de Nadal, as Prebadaladas de fin de ano, que terán lugar na praza do Concello, en Bertamiráns, a partir das 11:00 horas. Haberá animación da man dos gañadores/as das últimas dúas edicións do concurso Canta con Ames. Ademais, entre os asistentes repartiranse bolsas con cotillón, chicharróns e arandos, e para os máis pequenos tamén haberá lambetadas sen glute e batidos. Na praza instalarase unha carpa para que os asistentes poidan gozar da actividade en caso de previsión meteorolóxica adversa.

Este sábado, 31 de decembro, volveranse a celebrar na praza do Concello as Prebadaladas, que se organizaron por primeira vez no Concello de Ames no 2019, e que nos últimos dous anos non puideron celebrarse por mor da situación sanitaria. Trátase dunha iniciativa dirixida a todos os públicos coa intención de crear un ambiente festivo e familiar para dar a benvida ao ano novo de maneira anticipada.

A actividade terá lugar a partir das 11:00 horas, e o acceso á praza, que estará cuberta por unha carpa por se chove durante a celebración, farase a través da rúa Alcalde Lorenzo. O acto estará conducido pola presentadora Loli Gómez, e, ademais, actuarán os gañadores do certame Canta con Ames 2021 e 2022: Carmen Cuevas, Lara López, Noelia Bellas, Adriana Vigo, María Iglesias, Montse Angueira e José Rey.

Os primeiros 500 adultos en entrar á praza do Concello recibirán unha bolsa con produtos dos comercios locais, entre os que se inclúen cotillón, chicharróns, arandos e unha copa, que irá acompañada dun vale que se pode trocar por cervexa Estrella Galicia. Pola súa banda, a rapazada tamén contará con bolsa propia, dentro da que haberá tamén cotillón, uvas de lambetada sen glute e batidos para brindar. Para a elaboración das bolsas o Concello contou coa colaboración da froitaría Tomate más Fruta, que obsequia os arandos, e de Feiraco, que fará a doazón dos batidos para os máis pequenos.

Por outra banda, haberá postos de algodón de azucre e de flocos de millo, e contarase tamén coa participación das comisións de festas de Bertamiráns e do Milladoiro, que recadarán fondos para os festexos do vindeiro ano coa instalación dunha barra de bebidas.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, sinala que as Prebadaladas son “un acto festivo que tivo unha gran acollida por parte da cidadanía amesá a primeira vez que se celebrou, no 2019, e que repetiremos despois de dous anos de parón. Trátase dunha actividade moi novidosa dentro da programación de Nadal do Concello, na que haberá actuacións, sorpresas e os asistentes serán agasallados con distintos produtos. Ademais, teremos carpa por se chove, polo que invitamos a todos os veciños de Ames e da contorna a achegarse”.

Novas relacionadas:

AMS GO!: "As prebadaladas de Ames, mañá en Bertamiráns"

As prebadaladas darán comezo a partir das 11:00 horas

Multimedia

  • Celebra as Prebadaladas 2023, que terán lugar este sábado, 31 de decembro, na praza do Concello
  • Celebra as Prebadaladas 2023, que terán lugar este sábado, 31 de decembro, na praza do Concello
  • Celebra as Prebadaladas 2023, que terán lugar este sábado, 31 de decembro, na praza do Concello