Pestanas principais

A celebración da IV Feira do Monte “Tanto Monte, Monte Tanto” estenderase dous días e contará con servizo de autobús

Mércores, 16 de outubro de 2024

O Concello de Ames presentou esta mañá a cuarta edición da Feira do Monte “Tanto Monte, Monte Tanto”, que se celebrará os días 23 e 24 de novembro no campo da festa da parroquia de Trasmonte, co obxectivo de poñer en valor o monte galego e recuperar os oficios ligados ao monte. Será un escaparate excepcional dos oficios e os produtos vinculados ao monte. Na actualidade xa se conta con 18 expositores confirmados e estase pendente de que se poida sumar algún máis. Haberá unha carpa para estar a cuberto e poder participar nas actividades programadas. Así mesmo, durante toda a xornada non faltarán as degustacións e maila música tradicional.

A Feira do Monte “Tanto Monte, Monte Tanto” segue medrando e xa chega á súa cuarta edición. Así, un ano máis o campo da festa de Trasmonte acollerá este evento que nesta edición de desenvolverá ao longo de dúas xornadas, os días 23 e 24 de novembro. O obxectivo principal desta iniciativa é poñer en valor o monte e os produtos e derivados que este nos ofrece. Na actualidade xa se conta con 18 expositores confirmados. Ademais, haberá unha carpa para estar a cuberto e poder participar nas actividades programadas.

Este ano contarase tamén con catro exhibicións, catro obradoiros e diversas degustacións nas que os visitantes poderán deleitarse cunha gama de produtos gastronómicos, dende pans artesanais e aceites galegos ata costela de porco celta e hamburguesas de vaca de cría extensiva.

Outra das novidades destacadas desta edición é que contará con servizo de autobús para todos aqueles veciños e veciñas que desexen achegarse ata Trasmonte para desfrutar da feira. Haberá servizo de ida e volta tanto pola mañá como pola tarde. Proximamente anunciaranse tanto os horarios como os puntos de recollida.

A presentación do evento, que tivo lugar esta mañá na Casa do Concello, contou coa asistencia do alcalde de Ames e concelleiro de Turismo, Blas García; o concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo; a técnica responsable da Aula da Natureza, Patricia Reboreda; e maila técnica municipal do departamento de Turismo, Sonia Moure.

Durante a presentación, a técnica responsable da Aula da Natureza, Patricia Reboreda, explicou que “nesta edición tentamos que estiveran representados todos os sectores que fan uso do monte, polo que contamos tanto con froitos, marmeladas e castañas, como con apicultura, xoiería natural ou maquinaria forestal. Ademais, este ano foron as propias empresas as que se puxeron en contacto con nós para interesarse pola feira, e de feito increméntase a participación con respecto ao ano pasado”. Así mesmo, destacou unha das grandes novidades deste ano: “Como as cousas foron tan ben, ampliamos a feira a sábado todo o día e o domingo pola mañá, como unha forma de aproveitar e poñer en valor o traballo que fan todas as empresas implicadas”.

A técnica municipal do departamento de Turismo, Sonia Moure, destacou que “a través desta feira tamén se pretende poñer en valor o rural de Ames e a vinculación que ten a parroquia de Trasmonte co Camiño de Fisterra”. Tamén explicou que, ademais de produtos do monte, na feira “hai unha parte importante de gastronomía, un dos elementos máis destacados á hora de atraer turismo. Neste senso contaremos, por exemplo, co recoñecido cociñeiro José Manuel Mallón. A súa participación é resultado da colaboración do Concello co Grupo de Desenvolvemento Rural 19 Terras de Compostela". Outro dos elementos que salientou durante a presentación foi o patrimonio natural: “A través da feira tamén buscamos promover Ames como un destino de natureza, un lugar no que os visitantes poden desfrutar de calma e relax”.

Por outra banda, o concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo, sinalou que “o obxectivo a largo prazo deste evento é facer da feira un referente no circuíto feiral de Galicia” e anunciou que este ano contarase coa presenza dun pulpeiro, “unha demanda que nos fixeron os propios visitantes en edicións anteriores e que lles permitirá quedar a comer na feira e desfrutar dela todo o día”. Finalmente, agradeceu o traballo non só dos participantes, senón tamén do persoal dos departamentos de Medio Ambiente e de Turismo “por facer posible a feira ano tras ano”.

Pechou o acto o alcalde de Ames e concelleiro de Turismo, Blas García, que durante a súa intervención destacou que “ademais do urbano, queremos poñer en valor ese compoñente rural do concello; Ames conta con 11 parroquias e 120 núcleos de poboación rurais e en moitos deles se manteñen oficios relacionados co monte. Esta feira é un xeito de poñer en valor este traballo e que estes veciños e veciñas se vexan representados dalgún xeito”. Ademais anunciou que, “para dar a coñecer a feira a toda a veciñanza do concello, este ano imos poñer á súa disposición un servizo de autobús para que todo o mundo poida acudir”.

Expositores participantes
Dende a organización destacan que están satisfeitos de que a feira vaia medrando en cada edición e se consolide como unha actividade de outono dentro da programación do Concello de Ames. Haberá expositores de castañas, tecidos naturais, cestería, aceites galegos, artesáns que elaboran cosmética natural e vegana, un torneiro que elabora utensilios de cociña, etc; así como un mercado ecolóxico e de proximidade.

Deste xeito está confirmada a presenza das empresas amesás Silvereira (bixutería en madeira), Tudesbroce (maquinaria forestal) e Labralia (material agrícola), así como do lutier Xosé Tuñas, afincado no concello. Na feira estarán acompañados de Castrexa (agricultura), Malas Herbas (xoiería artesanal), Fento do Vento (deseño de pezas artesanais), Jose Manuel Prado (artesá que elabora traballos en madeira), Casperlota (estampación de tecidos naturais), Cabanas rural (tratamento da la), Xosé Tuñas (lutier), Comunidade de Montes de Baroña (aproveitamento multifuncional do monte), Embruxo (aceites galegos artesanais), Planeta ECCO (cosmética natural), Siitake Trives (produción e comercialización de shiitake), Amarelante (castañas ecolóxicas), Viveiros de Galicia e Robus Rubra (fariñas e tintas de landra). Estase pendente de que se poida sumar algunha empresa máis.

Ademais, esta cita conta coa colaboración das indicacións xeográficas protexidas “Castaña de Galicia” e “Mel de Galicia”.

Obradoiros, exhibicións e degustacións
O evento tamén dará espazo ás artesanías, con exhibicións sobre o proceso de fiado de la de ovella galega, a fabricación e reparación artesanal de instrumentos musicais, a elaboración de tinta de escritura a partir de landras ou sobre o traballo de torneado da madeira.

Ademais, haberá degustación de hamburguesas (carne de vacún de cría extensiva), de asado de porco celta, de fabas con cogomelos, de chourizos de carne de poldro e de pans artesanais, así como de aceites galegos e de castañas.

A feira tamén contará cunha ampla oferta de obradoiros. O sábado 23 de novembro haberá un obradoiro de enxertos, en horario de 11:00 a 13:30 horas, mentres que pola tarde haberá unha exposición e exhibición de cogomelos, de 16:00 a 18:30 horas. Xa o domingo, pola mañá aquelas persoas que o desexen poderán aprender a cultivar shiitake entre as 11:00 e as 12:30 horas, e cara o mediodía poderán acudir a un obradoiro de estampado vexetal, de 12:30 a 13:30 horas. Para participar en calquera deles é preciso inscribirse.

Igual que en edicións anteriores, este ano tamén se contará con música tradicional para amenizar as xornadas da feira. Proximamente anunciarase o nome do grupo e o horario dos pases.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "La feria rural amiense "Tanto monte, monte tanto" se amplía a dos días con más expositores"

El Correo Gallego: "Agricultura y artesanía, protagonistas de la feria Tanto Monte, Monte Tanto"

A celebración da IV Feira do Monte “Tanto Monte, Monte Tanto” estenderase dous días e contará con servizo de autobús

Multimedia

  • A celebración da IV Feira do Monte “Tanto Monte, Monte Tanto” estenderase dous días e contará con servizo de autobús
  • A celebración da IV Feira do Monte “Tanto Monte, Monte Tanto” estenderase dous días e contará con servizo de autobús
  • A celebración da IV Feira do Monte “Tanto Monte, Monte Tanto” estenderase dous días e contará con servizo de autobús
  • A celebración da IV Feira do Monte “Tanto Monte, Monte Tanto” estenderase dous días e contará con servizo de autobús
  • A celebración da IV Feira do Monte “Tanto Monte, Monte Tanto” estenderase dous días e contará con servizo de autobús
  • A celebración da IV Feira do Monte “Tanto Monte, Monte Tanto” estenderase dous días e contará con servizo de autobús
  • A celebración da IV Feira do Monte “Tanto Monte, Monte Tanto” estenderase dous días e contará con servizo de autobús
  • A celebración da IV Feira do Monte “Tanto Monte, Monte Tanto” estenderase dous días e contará con servizo de autobús
  • A celebración da IV Feira do Monte “Tanto Monte, Monte Tanto” estenderase dous días e contará con servizo de autobús
  • A celebración da IV Feira do Monte “Tanto Monte, Monte Tanto” estenderase dous días e contará con servizo de autobús
  • A celebración da IV Feira do Monte “Tanto Monte, Monte Tanto” estenderase dous días e contará con servizo de autobús
  • A celebración da IV Feira do Monte “Tanto Monte, Monte Tanto” estenderase dous días e contará con servizo de autobús