Pestanas principais

A celebración das letras e dos libros, música e teatro na programación de primavera de Ames

Mércores, 02 de marzo de 2016

[02-03-2016] A programación cultural de primavera xa está dispoñible na web municipal. O Concello de Ames vén de anunciar as actividades que se sucederán ao longo de tres meses de concertos, teatro e que rematan coa clausura dos obradoiros e clases anuais ofertadas no municipio. Dez obras de teatro, a celebración do Día das Letras Galegas, o Festival Folk A Maía ou a conmemoración do Día do Libro son algunhas das propostas que se ofertan en Ames coa chegada da primavera.

Xuño: teatro, palillos e clausura de obradoiros
Durante o mes de xuño ofreceranse os derradeiros pases teatrais do curso 2015-2016, coa obra "Shakespeare para ignorantes", o venres 3 ás 21:00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. O grupo de Teatro Municipal de Ames invita á veciñanza a achegarse á estrea da súa obra "As suplicantes, que representarán o venres 10 ás 21:00 horas na Casa da Cultura do Milladoiro.

O pavillón do Milladoiro acollerá este mesmo mes, o domingo 5, o VIII Encontro de palillos e labores artesanais. As portas do pavillón estarán abertas de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas para que os e as visitantes poidan pasear entre os postos, contemplar as demostracións de varios oficios en vivo ou participar nalgún dos obradoiros.

Ao longo do mes de xuño finalizan outros dos obradoiros impartidos no municipio, como de Baile e música tradicional, cuxo acto de clausura celébrase o domingo 19 ás 18:00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns ou as clases da Escola Municipal de Música de Ames, que ofrecerá un concerto de fin de curso o mércores 22 a partir das 20:00 horas. A súa actuación despedirá as actividades primaverais, dando paso as da programación de verán.

Os catro venres de abril chegan acompañados por catro obras teatrais, o día 1 o "Principio de Arquímedes", o 8 "Rosa Caramelo e outras historias", o 22 "Pavillón Lino" e o 29 "Palabras Malditas". A información sobre as obras, horarios e prezos de entrada está dispoñible na axenda da web municipal. As entradas para as obras teatrais poranse á venda na Billeteira electrónica unha semana antes do propio día do espectáculo. O último sábado do mes, día 23, celebrarase ademais o Día do Libro en Ames. A partir das 17:00 horas, na Praza do Concello de Bertamiráns, abrirase ao público un espazo de compra, venda e intercambio de libros, que incluirá presentacións de textos, lecturas e obradoiros.

Os centros escolares amesáns darán pulo á programación do mes de maio "sementando" poesía por todo o territorio amesán. Alumnos e alumnas distribuirán poemas por todo o municipio para celebrar o Día das Letras Galegas. Manuel María, o poeta homenaxeado este ano, agocharase nos recunchos das rúas e dos parques, agardando a ser atopado. Xunto aos seus versos están escritas as instrucións para que os veciños e veciñas poidan continuar esta "sementeira poética". A celebración institucional do Día das Letras Galegas terá lugar o venres 13 de maio, na Casa da Cultura do Milladoiro, a partir das 20:00 horas. Na gala entregaranse os premios do XIII Certame Literario do Concello de ames e do VIII Certame Artístico-Literario Intercentros.

A programación teatral continúa no mes de maio, coas obras "Falar sen Cancelas" o venres 20 e o espectáculo músico-teatral "Uxía e O Magín Blanco cantan a Manuel María" o venres 27. Ademais, o sábado 21, celebrarase o Festival Folk Val da Maía, un espazo que quere sacar á luz o traballo dos e das artistas emerxentes amesáns. Terá lugar no Pazo da Peregrina de Bertamiráns a partir das 20:00 horas. Pecha a programación de maio a clausura do Obradoiro de baile salón e latino na Casa da Cultura do Milladoiro, a partir das 20:30 horas.


Contido relacionado


La Voz de Galicia:"Ames incluye un festival folk en su tercer trimestre cultural"
El Correo Gallego:"Ames recibirá la primavera con teatro, Letras Galegas y folk desde A Peregrina"
El Correo Gallego:"Teatro, música y bolillos hasta el verano para los amienses"