Pestanas principais

Celébrase o acto de clausura do segundo módulo dos cursos de alfabetización dixital no rural de Ames

Xoves, 12 de xaneiro de 2023

Este mércores, 11 de xaneiro, clausurouse no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns a segunda quenda de cursos do segundo módulo de alfabetización dixital no rural, celebrado nas parroquias de Tapia, Ameixenda, Augapesada, Covas e Ortoño. A estes cursos, que se celebraron nos meses de outubro, novembro e decembro, acudiron preto de medio cento de persoas, que se suman a outros trinta veciños/as que xa participaran no mesmo programa nas parroquias de Agrón, Trasmonte, Bugallido e Biduído con anterioridade. As actividades pretendían reforzar os coñecementos adquiridos no primeiro módulo de alfabetización dixital, realizado no ano 2021, no que se impartiron nocións sobre temas relacionados coa xestión de arquivos, a ofimática, o tratamento de imaxes, o correo electrónico, as redes sociais e o uso de dispositivos móbiles. 

O programa de alfabetización dixital no rural deu comezo no 2021, respondendo así a unha das demandas da veciñanza, e logrando unha alta participación. Ante a boa acollida da iniciativa, ao longo do pasado ano 2022 púxose en marcha o segundo módulo, que buscaba continuar co plan formativo de alfabetización en novas tecnoloxías seguindo a liña do curso impartido anteriormente e propiciando a familiarización das persoas de terceira xeración que habitasen no rural coas TICs, así como facilitando a incorporación do mundo dixital ás súas vidas cotiás.

Deste xeito, este segundo módulo impartiuse de xeito presencial en nove parroquias do rural amesán (Agrón, Trasmonte, Bugallido, Biduído, Ortoño, Tapia, Ameixenda, Augapesada e Covas). A primeira quenda celebrouse do 3 de outubro ao 16 de novembro; mentres que esta segunda deu comezo o 17 de novembro.

En total, ofertáronse 90 prazas, 10 por cada curso impartido en cada local social. Os participantes, que xa contaban con coñecementos informáticos a nivel básico, aprenderon neste segundo módulo nocións básicas de Windows 10, ofimática en Word e Excel, Internet, a nube, o correo electrónico, as redes sociais e o uso de dispositivos móbiles.

Ao acto de clausura asistiron o alcalde de Ames, Blas García, a concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, Natividade González, e a técnica encargada da Aula Municipal Tecnolóxica da Información e da Comunicación, Almudena Caamaño, que se encargaron de entregar os diplomas de participación aos case medio cento de participantes da segunda quenda.

Así mesmo, no propio auditorio, o alumnado presenciou unha charla sobre ciberseguridade, impartida por Nacho Álvarez, diplomado en Investigación Privada e graduado en Criminoloxía pola Universidade de Salamanca. Na conferencia abordáronse aspectos como a manipulación e a desinformación na rede, así como os principais fraudes existentes: phishing, compras en liña, anuncios vacacionais e choios de segunda man.

Tras a charla, o alumnado trasladouse á aula de informática de Bertamiráns (aula CeMIT) para coñecer as instalacións e os seus servizos, de maneira que poidan seguir ampliando alí os seus coñecementos informáticos, se así o desexan.

A concelleira de Cultura e Tecnoloxías da Comunicación, Natividade González, destacou a boa acollida deste tipo de iniciativas por parte da veciñanza, e puxo en valor as actividades formativas como método para reducir a fenda dixital á que se vén abocadas as persoas maiores, especialmente no rural. Así mesmo, sinalou que “a primeira edición destes cursos de alfabetización dixital, que xa fora moi demandada entre os veciños e veciñas do rural, contou cun gran éxito de participación. Comprometinme a poñer en marcha un segundo módulo para darlle continuidade ao programa, seguir favorecendo a integración dixital dos máis maiores e ampliar os seus coñecementos informáticos máis alá das nocións básicas”.

Así mesmo, a concelleira apuntou que “xa estamos a traballar para crear outro grupo de iniciación e poder seguir fomentando a alfabetización dixital nos distintos locais sociais das parroquias”.

Novas relacionadas:

AMS GO!: "Medio cento de veciños de Tapia, Ameixenda, Augapesada, Covas e Ortoño adquiriron competencias dixitais nos cursos municipais"

La Voz de Galicia: "Clausura en Ames de un nuevo curso de alfabetización digital en el rural"

El Correo Gallego: "Oitenta amesáns entraron na era da tecnoloxía dixital"

Medio cento de persoas recibiron o diploma de participación

Multimedia

  • Celébrase o acto de clausura do segundo módulo dos cursos de alfabetización dixital no rural de Ames
  • Celébrase o acto de clausura do segundo módulo dos cursos de alfabetización dixital no rural de Ames
  • Celébrase o acto de clausura do segundo módulo dos cursos de alfabetización dixital no rural de Ames
  • Celébrase o acto de clausura do segundo módulo dos cursos de alfabetización dixital no rural de Ames