- Tematica
“Os galegueños”, “Muinheira de Chantada”, “Galicia somos nós”, “Pequena historia con títulos de libros para combater o machismo”, “Sabías que unha artista se revelou contra a súa discográfica para publicar un disco en galego?” e “Jasolina – As tóxicas da ría” foron os vídeos gañadores do Galetiktokers 2022. Os premiados déronse a coñecer nunha gala celebrada o pasado sábado, 4 de novembro, que contou coa presenza dos participantes do certame e da actriz e cantante Pauliña, que se encargou de presentar o evento, así como do xurado que decidiu catro das seis pezas gañadoras. Asistiu tamén a concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín. En total repartíronse 1.800 euros en premios.
A Casa da Cultura do Milladoiro acolleu o pasado sábado, 4 de novembro, a gala do III Certame Galetiktokers, co que se pretende estimular a creatividade da mocidade e animar á creación en galego a través das redes sociais. Nesta ocasión, houbo seis vídeos premiados, dos cales catro foron escollidos polo xurado e outros dous polos seguidores en Instagram de Oficina Municipal de Información Xuvenil (omixames).
A encargada de dirixir o evento foi a cantante e actriz Pauliña, que deu comezo á gala coa interpretación dun dos seus temas e presentou os vídeos finalistas nas dúas categorías do concurso. Tamén estiveron presentes a tiktoker Sara Seco Rial e a comunicadora audiovisual Noelia Francisco Lens.
Na categoría de 13 a 16 anos foi galardoada polo público a peza “Os galegueños”, de Magín Rodríguez Fernández, Lola López Abeijón, Eirín Rey Ageitos e Sofía Álvarez Bandera. O xurado, pola súa banda, premiou os vídeos “Pequena historia con títulos de libros para combater o machismo”, de Elena Varela Otero e “Galicia somos nós”, de Karol Muñoz Vázquez.
Na categoría de maiores de 17 anos o público outorgou o premio a “Muinheira de Chantada – Verto”, de Xurxo Varela e Nerea Lobelle. Pola súa banda, o xurado concedeullo a “Sabías que unha artista se revelou contra a súa discográfica para publicar un disco en galego?”, de Rodrigo Míguez Novoa, e a “Jasolina – As tóxicas da ría”, de Sergio Martínez Calvo e Cristina Padín Ríos.
A concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, recordou os inicios do concurso e gabou a alta participación acadada este ano. “Énchenos de ledicia que cada vez, entre a mocidade, medren máis as ganas de facer contido, de crear e de amosar na nosa lingua o talento que todos e todas tedes”. Ademais, aproveitou para agradecer a boa disposición do xurado e animar aos presentes a seguir empregando o galego a través das redes sociais. “Agardamos as vosas creacións de cara a vindeiras edicións”, concluíu.
Nesta edición houbo arredor de 200 participantes, e presentáronse 65 vídeos entre as dúas categorías, de temática moi variada (música, historia, sociolingüística, humor, deporte, videoxogos...).
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Seis premiados como os Galetiktokers de máis nivel polo xurado e os amesáns"