Pestanas principais

Centos de nenos e nenas participan nos campamentos deportivos que se están a desenvolver en Ames

Luns, 24 de xullo de 2023

Ames acolle ao longo do verán 2023 un total de nove campus e campamentos deportivos organizados por clubs e entidades locais, coa colaboración do Concello, a través do departamento de Deportes, e da Deputación da Coruña. Centos de rapaces e rapazas amesás están gozando xa de propostas de fútbol, fútbol sala, baloncesto, patinaxe e atletismo, orientadas a idades comprendidas entre os 4 e os 17 anos. Todas as iniciativas que comprenden a oferta contribúen á conciliación e á aprendizaxe dos valores do deporte.

A Concellaría de Deportes de Ames e a Deputación da Coruña colaboran un ano máis na organización dunha serie de campus e campamentos deportivos no período estival, co fin de promover a práctica de deporte e de ofrecer máis opcións de conciliación ás familias amesás, nun período marcado polas vacacións escolares da rapazada. En total ofertaranse nove actividades, con franxas de idade diversas e con opcións en distintos deportes: fútbol, fútbol sala, patinaxe, baloncesto e atletismo.

Campus de baloncesto
A primeira das opcións para a rapazada amesá é o VI Campus de verán Básquet Ames, que achega o baloncesto a nenos e nenas de entre 6 e 15 anos. Nesa edición, o campamento adiantou a súa primeira quenda á última semana de xuño, tendo en conta as necesidades de conciliación existentes. Nesa primeira quenda participaron un total de 60 rapaces, mentres que na segunda quenda que se desenvolveu durante a primeira quincena de xullo houbo 40 inscritos.

Antón Verges, adestrador no campus, indica que “A maior porcentaxe de anotados é de rapaces propios do club, pero cada vez veñen máis nenos e nenas da zona. Temos inscritos que habitualmente xogan en Santiago, en Brión... Tamén aproveitamos para que, os rapaces que queiran probar baloncesto antes de comezar o curso escolar, poidan ten aquí un primeiro contacto, para que se lles gusta poidan vir ao club a xogar e desfrutar”.

A rutina do campus do Básquet Ames dá comezo a primeira hora da mañá, cun adestramento de hora e media. A continuación, a rapazada fai unha parada para tomar un pequeno almorzo, arredor das 11:00 horas. Xa para rematar a mañá, hai unha quenda de piscina. Tras a comida, que realizan no pavillón, é o momento de enfoque nas actividades de competición. “Facemos equipos mesturando aos pequenos cos máis maiores, promovendo que aprendan os uns dos outros”, sinala Verges.

Campamentos de fútbol
O Milladoiro S.D. e o Bertamiráns F.C. tamén organizan, pola súa banda, actividades de verán durante o mes de xullo. No caso do Milladoiro, o campus conta cuns 60 participantes, que van dende os 6 ata os 14 anos. “O campamento serve para presentar ao club, para dalo a coñecer e para que os rapaces se sintan cómodos con nós”, explica Mateo Villar, un dos adestradores.

Nese senso, dende o club buscan que todos os asistentes se sintan integrados. “Hai rapaces que acompañan a algúns pequenos que non xogaron ao fútbol nunca. Os máis maiores, que xa levan anos con nós no club e teñen máis técnica, tratan de axudalos, para que estean á par e poidan desenvolverse todos xuntos”.

O día a día do campus mestura ocio e técnica: “Tratamos de que sexa lúdico e formativo ao mesmo tempo”, explica Villar. “Ensinámoslles algúns aspectos e corriximos o que se pode mellorar”. Os nenos e nenas comezan cun quecemento de quince minutos, para logo xogar diversos “partidillos” e rematar, tras facer unha pausa para merendar, disputando un campionato con distintos partidos para coñecerse, perder a vergoña e aprender a colocarse no campo de fútbol.

Tamén o Bertamiráns F.C. procura mesturar compoñentes lúdicos e formativos. Os 70 rapaces e rapazas que integran o campus durante o mes de xullo comezan a súa xornada á 9 da mañá, coa visualización dun vídeo explicativo sobre as técnicas que se van ensinar durante esa xornada. Tras un descanso de media hora na piscina, volven ao traballo de campo para levar a cabo todas as técnicas expostas. Deste xeito, cada día adícase a unha cuestión diferente. “O fútbol é un deporte moi complexo, que ten unha infinidade de cuestións técnicas, tácticas e estratéxicas nas que hai que formar aos nenos”, apunta Sergio Penas, director deportivo do club, que tamén sinala que “os monitores e os adestradores do Bertamiráns están moi formados, e buscan trasladar as súas ensinanzas dende os máis pequenos ata os sénior”.

Por outra banda, o campus busca ofrecer unha imaxe renovada do mundo do fútbol: “inténtase que sexa algo deportivo para os rapaces, libre de temas como a violencia”. Así, o obxectivo prioritario do campamento é o desfrute. “Ten que ser un campus lúdico e divertido. Levamos once edicións e segue sendo un éxito todos os anos”, conclúe Penas. Entre aprendizaxe, os nenos e nenas tamén gozan de actividades de auga e visitas a lugares como o parque acuático de Cerceda.

Tamén tivo un grande éxito o Santi Valladares, campus posto en marcha polo F.C. Meigas e a EFS Trasgos durante a primeira quincena de xullo. Nel, as dinámicas para a cativada comezaban ás 9 da mañá, cun período de xogos de mesa e actividades de activación. A continuación, a rapazada experimentaba con xogos alternativos (talleres de cociña, experimentos...), que se intercalaron co fútbol sala e coas visitas á piscina. A filosofía do campus é aprender xogando, sempre engadindo un compoñente máis técnico e táctico.

Por último, o RC Deportivo da Coruña organizou o seu campus de verán do 17 ao 21 de xullo, para nenos e nenas entre os 6 e os 14 anos. Desenvolveuse no campo de fútbol municipal de Bertamiráns, de 10:00 a 14:00 horas.

Campus de patinaxe
Tamén o campus de patinaxe Omega está tendo moito éxito. Os 52 participantes que están acudindo este mes de xullo son tanto patinadores e patinadoras regulares do club do Milladoiro como outros rapaces e rapazas do concello e mesmo doutros equipos que non adestran durante o período estival.

Os máis maiores, indica Anahí, a súa adestradora, adícanse a manter o físico para seguir a nivel de competición e coidar os elementos técnicos. Os nenos e nenas que aínda se están introducindo no deporte, pola súa banda, descobren o traballo físico adaptado á patinaxe: spinners, elementos de salto, piruetas...

A primeira hora da mañá, o campus comeza cun momento de ocio. Despois, os patinadores e patinadoras divídense en tres grupos que van rotando: patinaxe, ocio (manualidades, piscina...) e preparación física. Xa ás 12, o campamento ao completo paralízase e a cativada comparte un anaco en común para poñer en común as experiencias realizadas durante a mañá e tomar a merenda.

Tamén o club de patinaxe Sarela organiza un campamento de verán no pavillón polideportivo de Bertamiráns. Este campus, que está dirixido a nenos e nenas de entre 5 e 17 anos, desenvólvese en dúas quendas: do 17 ao 31 de xullo e do 1 ao 15 de agosto, sempre de 8:15 a 14:30 horas. Pódese obter máis información e realizar a inscrición a través do enderezo electrónico clubdepatinaxesarela@hotmail.com.

Campus de atletismo
O atletismo tamén ten oco no verán amesán. O campus de atletismo Ames Atletismo ofrece unha opción para a rapazada nada entre o 2009 e o 2017. A primeira quenda xa se desenvolveu os días 22, 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de xuño. A segunda quenda desenvólvese en setembro (os días 1, 4, 5, 6, 7 e 8 de setembro). O horario é de 8:30 a 14:30 horas. Desenvólvese na área deportiva de Bertamiráns. Para máis información e inscribirse no campamento de setembro hai que escribir ao enderezo amesatletismo@gmail.com.

Doutra banda, na oferta de campamentos de atletismo de verán está presente tamén o VIII Campus de Atletismo Millaraio, que se realiza en dúas quendas; a primeira xa se realizou os días 22, 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de xuño; mentres que a segunda será os días 1, 4, 5, 6, 7 e 8 de setembro. O horario é de 8:30 a 14:30 horas. Esta actividade está dirixida á rapazada nada entre os anos 2010 e 2016. Pódese obter máis información ou realizar a inscrición para o campamento de setembro na páxina web do Atletismo Millaraio.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Os campamentos deportivos de Ames reúnen centos de nenos durante os meses de verán"

Imaxe do campus de verán do Básquet Ames

Multimedia

  • Imaxe do campus de verán do Básquet Ames
  • Imaxe do campus de verán do Bertamiráns FC
  • Imaxe do campus de verán do Milladoiro SD
  • Imaxe do campus de verán do Bertamiráns FC
  • Imaxe do campus de verán do Bertamiráns FC
  • Imaxe do campus de verán de patinaxe Omega
  • Imaxe do campus de verán de patinaxe Omega
  • Imaxe do campus de verán "Santi Valladares" organizado polo FC Meigas e a EFS Trasgos
  • Cartaz dos campamentos deportivos de verán