Pestanas principais

Charo Pita e Laura Ramos Cuba presentan as obras “O cuarto de Jane” e “Rascamasseiras” que foron premiadas no Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas

Mércores, 19 de maio de 2021

Este xoves 20 de maio, ás 20.00 horas, presentaranse no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, dúas das obras premiadas no Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. Charo Pita presentará a obra “O cuarto de Jane” e Laura R. Cuba falará de “Rascamasseiras”.

No 2020 celebrouse a décimo quinta edición do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. Charo Pita foi a gañadora do primeiro premio de acordo coa decisión do xurado, que tamén outorgou un accésit a Laura Ramos Cuba.

“O cuarto de Jane”, foi escollida unanimemente por ser un libro transgresor, pola súa beleza e pola frescura coa que se aborda o erotismo, sempre de forma directa, sen complexos, libre. Trátase dun poemario moi ben construído, radicalmente heterodoxo, protagonizado por mulleres e onde a poesía brilla na transparencia de cada verso.

“Rascamasseiras”, segundo di a acta do xurado, é un relato profundamente lírico e á vez cotián cargado de fino erotismo e sostido nunha linguaxe poética na que destacan o coidado do vocabulario, o ritmo dos versos e a tensión das pausas. 

Continúa a programación no Mes das Letras
Por outra banda, para o mércores, 26 de maio, está prevista a presenza de Suso de Toro en Ames para presentar “Un señor elegante”, a súa última novela.

Cómpre salientar que tamén neste mes de maio entregaranse os premios da XVIII edición do Certame Literario de Ames. O acto terá lugar este venres 21 de maio, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro.

Exposicións sobre Xela Arias
A exposición urbana “Xela Arias, desde nós en ti” estará exposta ata o 31 de maio. Trátase dunha intervención nos escaparates de distintos establecementos de Bertamiráns e do Milladoiro, que amosarán carteis, elaborados polo alumnado do IES de Bertamiráns, nos que se que recollen aspectos da vida, a obra e a época na que viviu a poeta sarriá. Outros traballos realizados tamén por alumnos e alumnas do mesmo instituto acadaron o 1º Premio no Concurso-exposición “Letras 2021” da Xunta de Galicia e poderán verse na Casa de Cultura de Bertamiráns ata o 31 de maio.

Obradoiros
Coa intención de achegar a figura da poeta homenaxeada aos máis cativos/as, as Bibliotecas municipais organizaron diversos obradoiros. O primeiro deles terá lugar o 21 de maio, ás 17:30 horas, na Biblioteca do Milladoiro e está dirixido á rapazada de 3º a 6º de primaria. O obradoiro leva por título “Quen dis que era Xela Arias?” e correrá a cargo de Xandobela. Ata o 19 de maio está aberto o prazo para inscribirse.

O sábado, 29 de maio, ás 11:30 horas, na Biblioteca de Bertamiráns, terá lugar outro obradoiro “Creacontos, obradoiro de creación literaria”, a cargo de Andamiaxe. O prazo para inscribirse está aberto ata o 27 de maio.

Concerto e espectáculo
Xa están na billeteira municipal os convites gratuítos para o espectáculo de narración oral “Ao redor de Xela Arias”. Raquel Queizás protagoniza esta contada que afonda na vida e na obra de Xela Arias. Terá lugar o 25 de maio, ás 17:30 horas, na Casa de Cultura de Bertamiráns e poderán asistir todos e todas as maiores de 5 anos que o desexen.

Un concerto da Banda da Loba, que presentará “A fábrica de luz. Homenaxe a Xela Arias”, pechará, o xoves 27 de maio, ás 21.00 horas, na praza de Chavián, en Bertamiráns, as actividades do mes das letras en Ames.

Charo Pita e Laura Ramos Cuba presentan as obras “O cuarto de Jane” e “Rascamasseiras”

Multimedia

  • Charo Pita e Laura Ramos Cuba presentan as obras “O cuarto de Jane” e “Rascamasseiras”
  • Mes das Letras Galegas