Pestanas principais

Chega a Ames a exposición “Nós somos elas”

Martes, 06 de abril de 2021

Vinte e catro poetas galegas dialogan coas fotografías do laxés José María Vidal nunha mostra que promoven a área de Igualdade da Deputación de A Coruña e a Asociación Cultural Alexandre Bóveda. A proposta recolle unha selección de imaxes do “Arquivo Vidal” protagonizadas por mulleres. A exposición, que permanecerá en Ames até o día 25 de abril, xa se pode ver estes días na praza da Maía de Bertamiráns.

Unha fotografía e un poema. A mostra “Nos Somos elas” componse de 24 retratos seleccionados do Arquivo Fotográfico Vidal da colección permanente do Museo do Mar de Laxe. A escolma rescata para o proxecto retratos de mulleres fotografadas no ámbito laboral e privado, con compañeiras e cos seus fillos e fillas. Cada fotografía está acompañada dos versos dunha poeta.

A exposición será inaugurada oficialmente en Ames a vindeira semana. Estarán presentes a deputada de Igualdade María Muíño, a concelleira de cultura de Ames Natividad Gonzalez Rodríguez, a concelleira de Igualde, Luisa Feijóo e a de Normalización lingüística Escarlata Pampín López.

Ana Romaní, Antía Otero, Berta Dávila, Chus Pato, Clara Vidal, Dores Tembrás, Eli Ríos, Emma Pedreira, Estíbaliz Espinosa, Eva Veiga, Helena Villar Janeiro, Lucía Aldao, Lucía Novás, Luz Pozo Garza, María do Cebreiro, Marica Campo, Marta Dacosta, Medos Romero, Mercedes Queixas, Miriam Ferradáns, Olga Patiño, Pilar Pallarés, Rosalía Fernández Rial e Yolanda Castaño son as poetas que participan na mostra, poñendo palabra ás imaxes de José María Vidal.

O arquivo Vidal
O arquivo está composto por máis de 67.000 imaxes, realizadas dende finais do século XIX até finais do século XX, polos fotógrafos locais José María Vidal -de quen son a totalidade das imaxes da mostra- e o seu pai Plácido Vidal.

Os Vidal foron retratistas da vida cotiá da comarca de Laxe. O mundo rural e mariñeiro recóllese nas súas instantáneas. Retrataron festas, procesións, concentracións deportivas, actos relixiosos, personaxes populares, visitantes ilustres, e todo tipo de acontecementos sociais. As mulleres ocupan un lugar prominente no arquivo da familia Vidal.

Exposición "Nós somos elas"

Multimedia

  • Exposición Nós somos elas
  • Exposición Nós somos elas
  • Exposición Nós somos elas
  • Exposición Nós somos elas