Pestanas principais

Chega a Ames a exposición sobre os 50 anos da Casa de Rosalía

Martes, 21 de maio de 2024

O alcalde de Ames, Blas García Piñeiro, inaugurou onte na Praza da Maía a exposición ‘A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía’, na que se repasa a historia deste museo e se lembra o fito que supuxo en pleno franquismo conseguir mercar, restaurar e musealizar esta casa grazas á colaboración de milleiros de persoas. O acto, ao que tamén acudiu o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, estivo amenizado coa actuación musical de María e Dora Iglesias.

A mostra, que se poderá visitar ata o 2 de xuño, está comisariada por Pepe Barro, tamén autor da museoloxía da Casa-Museo. Esta exposición fai un repaso pola historia da Casa-Museo, que se abriu ao público o 15 de xullo de 1971, en pleno franquismo grazas, á implicación de milleiros de persoas e entidades de todo o país e da emigración. O Patronato Rosalía, creado en 1947, converteuse en refuxio do galeguismo, con actos como a Misa de Rosalía en Bonaval, que se constituíron como auténticos encontros de afirmación galeguista.

Daquela participaron centos de persoas anónimas de Galicia a partir da proposta de José Manuel Rey de Viana, organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na emigración, uníronse máis de 70 concellos, varios bancos, equipos de fútbol e innumerables asociacións de todo o país.

50 anos dun logro colectivo
A historia da Casa de Rosalía é a historia dun logro colectivo. Pouco despois da morte de Rosalía a casa da Matanza fica baldeira. Despois de varios intentos, é mercada en 1946 por Xosé Villar Granjel e Xosé Mosquera. O Patronato Rosalía, creado en 1947, acabou sendo refuxio do galeguismo, con actos, como a Misa de Rosalía en Bonaval, que eran auténticos encontros de afirmación galeguista. Ata 1951 non se realizou a primeira restauración, segundo planos de Gómez Román.

Pero foi a partir da presidencia de Sixto Seco cando en 1971, baixo a dirección de Fernández-Albalat, cando se puido inaugurar como Casa-Museo o 15 de xullo dese ano. Da montaxe e dirección do Museo encárgase Xosé Filgueira Valverde.

A Casa da Matanza converteuse en Casa-Museo en pleno franquismo grazas á implicación de milleiros de persoas e entidades de todo o país e da emigración. A partir da proposta de José Manuel Rey de Viana, realizada no Pedrón de Ouro de 1970, iniciouse unha campaña na que participaron centos de persoas, de xeito particular e ás veces anónimo, organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na emigración, uníronse máis de 60 concellos, varios bancos, a Federación de Caixas de Aforros, o Celta de Vigo, a Federación Galega de Ciclismo e innumerables asociacións de todo o país. Ao final, colleitouse un total de 994.043 pesetas en 1971.

Chega a Ames a exposición sobre os 50 anos da Casa de Rosalía

Multimedia

  • Chega a Ames a exposición sobre os 50 anos da Casa de Rosalía
  • Chega a Ames a exposición sobre os 50 anos da Casa de Rosalía
  • Chega a Ames a exposición sobre os 50 anos da Casa de Rosalía
  • Chega a Ames a exposición sobre os 50 anos da Casa de Rosalía