- Tematica
O Concello de Ames, a través do departamento de Cultura, continúa coa súa programación de artes escénicas neste primeiro semestre de 2025. Nesta ocasión, o auditorio de Milladoiro acollerá este venres, ás 20.30 horas, a representación de “O único que quixen toda a vida é ser delgada”, da compañía ButacaZero. As portas abriranse ás 20.15 horas e prégase puntualidade a todas as persoas asistentes. Esta programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames. Pódese adquirir as entradas a través da Billeteira electrónica.
O auditorio do Milladoiro acolle este venres unha nova representación incluída no programa Ames Cultural 2025. Desta vez, coa representación de “O único que quixen toda a vida é ser delgada”, de ButacaZero, unha peza que invita a romper as esixencias dos ideais de beleza impostos na sociedade actual, xunto con aprender a manter a confianza e amor en nós mesmos. A representación terá lugar este venres ás 20.30 horas.
Sinopse de “O único que quixen toda a vida é ser delgada”
“O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada”, con texto de Esther Carrodeguas e posta en escena deseñada por Xavier Castiñeira, é unha obra de teatro contemporáneo que, a través do humor irónico, plasma dun xeito cru os ideais e modelos de beleza esixidos e marcados dentro da sociedade actual, así como o tema da gordofobia. Nesa mesma liña, é tamén un manifesto a romper e rexeitar todos eses complexos e velar polo amor propio de cada un, sexamos como sexamos.
Sobre ButacaZero
ButacaZero, a compañía formada por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, propón un teatro no que se traten temáticas actuais, polo xeral con forte carga social, dende unha perspectiva crítica e irónica. O grupo comezou a popularizarse no 2016 coa participación na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) coa estrea de Voaxa e Carmín. No pasado 2024 recibiron o Premio do Público na 40º edición da MIT, un dos recoñecementos máis prestixiosos deste ámbito.
Novas relacionadas:
AMSGO!: "Chega este venres ao Milladoiro a obra de ButacaZero “O único que quixen toda a vida é ser delgada”"