- Tematica
O “Delas Fest” é o primeiro Festival Feminista de Arte Urbana e Contextual de Europa, e celebrarase do 9 ao 15 de decembro nos concellos de Ames, Santiago e Teo. Organizado por 7H Cooperativa Cultural, conta coa participación de sete creadoras feministas que, dende diferentes disciplinas, sensibilidades e enfoques, empregan o espazo público como soporte de expresión e ámbito de intervención política.
Esta pioneira iniciativa aspira a converterse nun referente internacional que sitúe a Galicia na vangarda da arte urbana diversa e con perspectiva de xénero a través dun programa de actividades que combina intervencións artísticas, obradoiros de creación e faladoiros con profesionais do sector.
O Festival celebrarase grazas á colaboración da Deputación da Coruña, a Concellería de Benestar Social do Concello de Ames, a Concellería de Igualdade e Benestar do Concello de Teo e a Concellería de Cultura do Pazo de Raxoi. Ademais, conta co patrocinio de diversas empresas e entidades como son Cuarto Pexigo, Pinturas PROA, Gadis, Fogar Natural, Infinita Viajes y Eventos, Dinamo Mensaxería e Publicidade en Bicicleta.
Desta maneira, distintos espazos da comarca compostelá acollerán intervencións artísticas, obradoiros de creación e faladoiros con profesionais do sector. Nos próximos días concretaranse os lugares, datas e horarios de cada unha das actividades programadas.
As protagonistas do Festival
Contarase coa participación de 7 artistas feministas, con diferentes disciplinas, sensibilidades e enfoques, que empregan o espazo público como soporte de expresión e ámbito de intervención política.
Unha delas é a versátil e multifacética Btoy (Barcelona, 1977), unha artista contextual que utiliza dende carteis a colaxe e pintura plástica en obras nas que principalmente as protagonistas son mulleres. Estará tamén a fotógrafa e socia fundadora do Colectivo 4F Lorena Cosba (Huesca, 1979), interesada na fotografía experimental e na reutilización e intervención de obxecto encontrado a través das instalacións. A grafiteira e activista a Vegan Bunnies (Perú-Catalunya), integrante do colectivo The Hate Lovers, que loita polo apoderamento da muller no sector; e o Dúo Amazonas, conformado polas artistas e activistas visuais Natalia Andreoli (Bos Aires, 1992) e Lina Castellanos (Bogotá, 1990) quen entenden o muralismo coma un exercicio de autoreflexión, diálogo e intercambio co territorio e as súas habitantes, integran o cartel de creadoras de recoñecido prestixio no panorama feminista da arte de rúa que deixarán a súa pegada en distintos espazos da comarca compostelá.
Xunto a elas, tamén participarán en varios espazos destinados ao diálogo e o intercambio de experiencias do Delas Fest a curadora, produtora de eventos de arte urbana portuguesa e fundadora do proxecto LATA 65 Lara Seixo (Covilhã, 1971), a multidisciplinar e irreverente artista viguesa Lupita Hard (Caracas, 1993), e a ilustradora e muralista coruñesa Iria Fafián (Sitges, 1988), quen achegarán a súa experiencia sobre a presenza das mulleres na arte urbana.
Co obxectivo de afondar na aposta pola reescritura da historia da arte urbana con perspectiva de xénero e desde a acción colectiva deste proxecto, Delas Fest procura construír un espazo de encontro no que analizar as desigualdades presentes no sector e fomentar redes que faciliten unha igualdade efectiva a través dun programa de actividades repartidas entre Ames, Teo e Compostela. Nestes concellos, as artistas traballarán en colaboración directa con distintas asociacións e colectivos, encargados de achegar ás participantes á historia e idiosincrasia de cada espazo a intervir co obxectivo de que o resultado final non resulte alleo nin á poboación nin ao contexto dos distintos territorios.
A programación
O programa de actividades do festival, comisariado pola historiadora da arte e especialista en xénero e creación contemporánea Clara Rodríguez Cordeiro (Ourense, 1983), está integrado por tres intervencións artísticas, que desenvolverán Btoy, Lorena Cosba e Dúo Amazonas, e dous obradoiros de creación. Un deles, de carácter especializado, destinarase a mulleres artistas doutros ámbitos creativos -coma a ilustración ou as artes plásticas- e será impartido por Vegan Bunnies, quen realizará unha aproximación á arte de guerrilla como ferramenta que democratiza a expresión e intervención no espazo público. O segundo taller, dirixido á mocidade da comarca interesada en iniciarse na arte urbana, desenvolverase baixo a dirección de 7H Cooperativa Cultural co obxectivo de facilitar referentes, ferramentas e técnicas creativas ás mulleres máis novas.
Como colofón ao festival, realizarase unha xornada de encontro interdisciplinar e interxeracional entre as artistas, as participantes dos obradoiros, as asociacións e colectivos implicados, mulleres profesionais, programadoras de festivais de arte urbana e entidades do sector así como toda persoa interesada na disciplina. Nela terán lugar dous faladoiros -un con Vegan Bunnies e outro con Lara Seixos- e unha mesa de experiencias, na que participarán Lupita Hard e Iria Fafián, ademais do resto de participantes no evento.
O festival conta cun comité de xénero
Co fin de garantir a rigorosidade da proposta artística do festival, dos procesos creativos xurdidos no mesmo e dispoñer da asesoría e apoio especializado, o festival conta cunha comisión de xénero integrada por Patricia Porto Paderne, educadora social e responsable da libraría feminista Lila de Lilith; Marián Mariño Costales, Técnica de Igualdade do Consello da Cultura Galega; Xoana Almar, muralista e socia da cooperativa Cestola na Cachola; e Eva Agra, ilustradora feminista, autora de Mulleres Bravas da nosa historia e socia de 7h Cooperativa Cultural. As catro colaboraron na conformación da proposta artística do festival a través da asesoría na selección de participantes, na elección de espazos a intervir e na implicación dos colectivos de cada municipio.
Novas relacionadas:
El Correo Gallego: "Chega a tres concellos de Compostela o Festival Feminista de Arte Urbana"