Pestanas principais

Chega a obra de teatro “Clausura do Amor” a Ames

Martes, 11 de maio de 2021

A obra de teatro Clausura do Amor, da compañía Cámara Negra Teatro, representarase na Casa da Cultura Bertamiráns este venres, 14 de maio, ás 20.30 horas. A peza, cunha duración de dúas horas, é un espectáculo que fala de volver a configurar unha relación ou de constatar o fracaso e o distanciamento.  Aínda quedan entradas dispoñibles que se poden mercar as entradas na Billeteira electrónica. A entrada xeral ten un prezo de 5 euros, mentres que as entradas con prezo reducido custan 2,5 euros. Esta obra de teatro enmárcase dentro do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.

A historia trata dunha parella, dous animais feridos que se enfrontan cheos de dor. Trátase a resistencia física e emocional, onde os dous intérpretes deben abrirse para encarnar un texto visceral sobre a fin do amor. O espectador asiste ao acto mesmo de clausurar o amor, de matalo en escena. Un dó verbal que parte da dor, do medo e da liberación. Un combate devastador, a través de dous monólogos intensos e inmersos.

A sinopse di que este espectáculo trata sobre aquilo que sentimos moitas persoas cando recibimos esa estocada irreversible e ferinte da separación, da ruptura das bases nas que creamos unha relación, en base á confianza, en base á todos os valores únicos que significa a estabilidade dunha relación amorosa.

Venda de entradas

Xa se poden mercar as entradas na Billeteira electrónica. A entrada xeral ten un prezo de 5 euros, mentres que as entradas con prezo reducido custan 2,50 euros. As entradas para asistir ao espectáculo tamén se poden adquirir na Casa da Cultura de Bertamiráns o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo (de haber entradas dispoñibles).

Coa finalidade de facilitar a asistencia aos espectáculos e potenciar a participación establécese un prezo reducido do 50% do custo ordinario da entrada a estudantes con carné de estudante, a persoas maiores de 60 anos, a persoas menores de 12 anos, a familias numerosas, a mozos e mozas co carné xove e a persoas demandantes de emprego (no control de accesos dos auditorios poderá solicitarse a documentación acreditativa da idade).

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Teatro con Cámara Negra para entender o desamor"

Clausura do Amor

Multimedia

  • Clausura do Amor