Pestanas principais

Chévere desembarca o venres en Bertamiráns con Eroski Paraíso

Luns, 07 de novembro de 2016

[07-11-2016] A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle este venres 11 a representación de Eroski Paraíso da compañía de teatro Chévere. A función comezará ás 21:00 horas e as entradas xa están dispoñibles na Billeteira electrónica municipal.

Eva Martínez e Antonio Formoso coñécense na Sala Paraíso, un local de festa que mantivo a xuventude de Muros en danza entre 1972 e 1990. Eva e Antonio casan e, ao ano, teñen unha filla. O nacemento de Alexandra, ou Alex, coincide co peche da sala onde se coñeceron seus pais. Vinte e cinco anos despois Eva regresou a Muros, onde traballa no supermercado Eroski que ocupou o lugar da Paraíso na vila. Antonio sigue vivindo nas Canarias. Alex decide entón gravar o seu primeiro documental: “Eroski Paraíso”. A cineasta convida ao público a asistir a unha das sesións deste percorrido pola historia de seus pais e de toda unha xeración.

Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Cristina Iglesias, Fidel Vázquez póñense na pel dos protagonistas de Eroski Paraiso. Xogando coa linguaxe cinematográfica e a teatral a obra fala da emigración, da identidade, da memoria ou da comunidade de orixe. Eroski Paraíso é tamén unha metáfora do Estado de Benestar tornado supermercado. Dunha xeración que “tivo todo ao alcance da man” e que se veu “sometida ás mesmas técnicas de márketing que se usan para influír nas decisións de compra”. A representación desta peza na XXII edición da dFeria- a feira das artes escénicas de San Sebastián- mereceulle á compañía o Premio do Público.

As entradas pódense adquirir a través da Billeteira electrónica municipal. Teñen un prezo de 5 euros ou de 2,50 euros para persoas maiores de 65 anos, menores de 12 anos ou estudantado que presente o carné. Unha hora antes do comezo da obra poranse tamén á venda entradas no despacho de billetes da Casa da Cultura de Bertamiráns.