Pestanas principais

Cinco equipos dos institutos amesáns participan na fase clasificatoria da décima edición do Club de Debate

Martes, 05 de abril de 2022

A Casa da Cultura de Negreira acolle este martes 5 e o mércores 6 de abril a fase clasificatoria do X Club de Debate. Nesta edición participan once equipos dos concellos de Ames, Cedeira, Dodro, Negreira, Pontevedra e Teo, con tres conxuntos do IES do Milladoiro e outros dous do IES de Ames. Ao longo das dúas xornadas, a rapazada de 1º de Bacharelato e de 3º e 4º da ESO debaterán sobre o tema “A liberdade individual está por riba dos intereses colectivos?”, defendendo ambas posturas a favor e en contra. Os tres equipos con maior puntuación de cada día pasarán á final, mentres que os dous primeiros recibirán premios de 500 e 300 euros.

O Club de Debate, xa na súa décima edición, é un proxecto de dinamización lingüística dirixido á mocidade, no que colaboran e participan varios concellos galegos en colaboración cos seus centros de ensino secundario. O obxectivo é favorecer o uso do galego oral en contextos formais, a través dos propios debates, e no ámbito informal, na convivencia entre os diferentes grupos que participan.

Aínda que a oratoria e as habilidades comunicativas teñen un papel destacado no desenvolvemento da actividade, esta tamén cómpre dunha preparación dos temas e dun proceso de documentación para poder defender e rebater ambas posturas, a favor e en contra.

Neste ano 2022 colaboran na organización do Club de Debate sete concellos: Ames, Cedeira, Dodro, Negreira, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo. En total, participarán once equipos mixtos, formados por rapazada de 1º de Bacharelato e de 3º e 4º da ESO, de oito centros de ensino distintos. Neste senso, Ames é o concello cun maior número de conxuntos participantes, cun total de cinco equipos (tres do IES do Milladoiro e outros dous do IES de Ames).

Hoxe celébrase a primeira das dúas xornadas clasificatorias, nas que se determinarán os seis equipos que disputarán a final do próximo 6 de maio en Pontevedra. Cada día clasificaranse os tres equipos que sumen unha maior puntuación do xurado, que valorará cuestións como a calidade e a orixinalidade dos argumentos, a seguridade, a capacidade de oratoria e de improvisación, o traballo en equipo ou a calidade lingüística. O tema de debate de ambas xornadas será “A liberdade individual está por riba dos intereses colectivos?”.

Nesta primeira xornada participan seis conxuntos, cunha ampla representación amesá. Deste xeito, durante este martes debaterán dous grupos do IES do Milladoiro, un do IES de Ames, e outros tres grupos dos IES Punta Candieira (Cedeira), do CPI Eusebio Lorenzo Baleirón (Dodro) e do IES de Cacheiras (Teo).

Outros cinco equipos competirán mañá, mércores 6, entre os que se atopan un conxunto do IES de Ames e outro do IES do Milladoiro. Ademais, acompañan á rapazada amesá outros tres grupos do IES Xulián Magariños (Negreira), do Colexio Sagrado Corazón de Praceres e do IES Sánchez Cantón (Pontevedra).

Ademais de pasar cada día á fase final tres equipos, os dous primeiros grupos que obteñan unha maior puntuación recibirán un premio de 500 e 300 euros. Pola súa banda, o equipo que quede en terceira posición tamén pasará á final, pero non disporá de premio en metálico. O conxunto gañador desta edición gozará dunha viaxe multiaventura dunha fin de semana, na que se incluirán contidos culturais e lingüísticos.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "O grupo Xente que fala do Instituto do Milladoiro pasa á final do debate"

Cinco equipos dos institutos amesáns participan na fase clasificatoria da décima edición do Club de Debate

Multimedia

  • Cinco equipos dos institutos amesáns participan na fase clasificatoria da décima edición do Club de Debate
  • Cinco equipos dos institutos amesáns participan na fase clasificatoria da décima edición do Club de Debate
  • Cinco equipos dos institutos amesáns participan na fase clasificatoria da décima edición do Club de Debate
  • Cinco equipos dos institutos amesáns participan na fase clasificatoria da décima edición do Club de Debate
  • Cinco equipos dos institutos amesáns participan na fase clasificatoria da décima edición do Club de Debate