Pestanas principais

Cinema Crianza arranca a súa segunda edición cunha decidida aposta polo cine como ferramenta de aprendizaxe durante a aventura cara a madurez

Martes, 06 de novembro de 2018

[06-11-2018] A segunda edición do Festival Internacional de Cinema Infantil e Familiar Cinema Crianza arranca o vindeiro xoves, 15 de novembro, e desenvolverase ata o domingo 18, cunha decidida aposta polo cinema como ferramenta de aprendizaxe na aventura que supón a viaxe cara á madurez. Organizado polo Concello de Ames e a cooperativa cultural Urdime, coa colaboración da Deputación da Coruña, esta segunda edición supón a consolidación de Cinema Crianza como referente internacional. O Certame afiánzase como referente internacional coa recepción de 2.000 propostas audiovisuais procedentes de máis de 90 países. A presentación realizouse diante dun grupo de 25 alumnos/as de 5º e 6º de primaria do CEIP da Maía.


Estreas e novidades
As curtas finalistas que optan aos premios Axóuxeres e Buxainas poderanse ver na Casa da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro, do venres 16 ao domingo 18 de novembro. Trátase de filmes e videoclips para toda a familia que farán voar a imaxinación e creatividade do espectador coa música, o fútbol, o medio ambiente, a familia ou o paso do tempo como leiv motiv.

Como novidades, o sábado todos os asistentes poderán cantar ao son de Magín Blanco, que presentarán o seu último videoclip 'O avó Leié'. O domingo, antes da entrega de premios, poderase gozar da estrea da última curta galega de animación de Manel Cráneo, 'Pichük', con Miguel de Lira.

Os filmes proxectaranse en 11 sesións, por recomendacións de idade: para bebes, maiores de 2 anos, a partires dos 5 e maiores de 7 anos. A sesión de inauguración terá lugar o venres 16, ás 18.00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns coa proxección de 9 curtas dentro do bloque Narracións extraordinarias (+5 anos), co que se afondará no reino da fantasía.

O sábado comezarase, ás 12.00 horas, en Bertamiráns coas curtas de Pequenas Criaturiñas (+ 2), para gozar de cores, música e bechiños de partes remotas do planeta. Fóra de concurso os nenos e nenas poderán cantar con Magín e outros artistas con Música para Parrulos (0 anos).

Esta edición Cinema Crianza inclúe bloques novos con propostas nas que o fútbol, o medio ambiente ou a música serán os protagonistas: Brotes Verdes (+5), O Reino das Harmonías (+7) e Arredor dunha Pelota (+7) poderanse ver o sábado pola tarde, día que rematará coas curtas de A miña familia e outros animais (+7), porque o mundo aos 7 é complexo e precisa ser contado.

O domingo, no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, poderase ver unha selección de 6 curtas no bloque Primeiras Aventuras, ao que lle seguirá unha nova sesión de 'A miña familia e outros animais' e 'Narracións Extraordinarias'. A clausura e entrega de premios celebrarase a partires das 18.00 horas.

O xurado
Esta edición contará coa presenza como xurado do director xeral da Academia Galega do Audiovisual, Miguel Mariño; a directora e realizadora Sandra Sánchez e a guionista Sara Gómez Iglesias.

Sandra Sánchez é autora do filme 'Tralas Luces', nomeado no Festival de Cine de Donosti e que recibiu dous Mestre Mateo á Mellor Director e Mellor Montaxe. Entre os documentais que dirixiu destaca 'Aguiño, sobrevivir ao Prestige' e 'Moito Mar'.

Pola súa banda, Sara Gómez Iglesias é guoinista, deseñadora de proxectos audiovisuais e fotógrafa. É responsable do guión de series e películas para televisión como 'Padre Casares', 'Matalobos', 'África' ou 'Cinco días de Nadal'.

Miguel Mariño é director xeral da Academia Galega do Audiovisual. En 2007 inicia como artista unha investigación centrada nos procesos analóxicos da imaxe cinematográfica que o levou a expoñer en varios países de Europa e América.

A selección das 73 pezas finalistas que optarán aos premios Axóuxeres, Buxainas e Premio do Público realizouse dun total de 2.000 propostas audiovisuais procedentes de máis de 90 países de Europa, América, Asia e África, entre eles, Irán, India, USA, Rusia, Austria, Noruega, Israel,Turquía, Italia, Francia, Reino Unido, España, Venezuela, Arxentina, Brasil, Canadá, México, Xapón ou Exipto.

O certame ten prevista unha programación especial en torno ao audiovisual e o ensino coa proxección guiada dunha selección de curtametraxes para medio milleiro de alumnos de centros escolares da zona. Posteriormente, celebrarase unha mesa redonda na que, baixo o título 'Cruce de Camiños', educadores e creadores reflexionarán sobre o cinema como instrumento para coñecer a realidade, fomentar valores e potenciar o espírito crítico desde a infancia. Que produtos audiovisuais se precisan nas aulas?; É necesario como materia lectiva? ou Por que son escasas as producións para público infantil e xuvenil? serán algunhas das preguntas ás que se tentará dar resposta.

O sábado 17, a compañía de teatro Cachivache guiará aos asistentes a través da 'Feira das Ilusións', unha exposición que mostra a maxia da física e a física da maxia a través de varios xoguetes e dispositivos que, entre o século VIII e o XX, sentaron as bases do que foi despois o cinematógrafo.

A Cerimonia de Clausura coa entrega de premios incluirá a exhibición do clásico 'O Globo Vermello', do francés Albert Lamorisse, unha conmovedora simbolización dos soños e da crueldade dos que tratan de coartarlos. O mediometraxe, Palma de Ouro en Cannes en 1956 e Óscar a mellor guión, é un recurso habitualmente empregado para falar na aula da amizade ou a importancia de ser un mesmo.

A aposta por xuntar cinema e educación enmárcase na filosofía coa que nace Cinema Crianza: a de converterse, ademais de en escaparate para novos cineastas, nunha xanela aberta que favoreza que o público infantil de Galicia acceda a un cinema diferente e multicultural de alto contido social e de calidade.

Presentación do festival
A presentación desta iniciativa realizouse esta mañá no salón de plenos da Casa do Concello de Ames. Dita presentación correu a cargo da primeira tenente e alcaldesa en funcións, Genma Otero; a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, o concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, o director do Festival, Marcos Nine, e a coordinadora da cooperativa cultural Urdime, Cristina Fiaño. A presentación realizouse diante dun grupo de 25 alumnos/as de 5º e 6º de primaria do CEIP da Maía.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, explicou que “para Ames, que é un concello eminentemente novo e cun alto porcentaxe de poboación en idade infantil, é un privilexio poder acoller por segundo ano consecutivo este proxecto. Con esta iniciativa o concello amesán posicionase no mundo audiovisual, tanto a nivel galego como a nivel estatal e internacional. Ao igual que na primeira edición volvéronse a superar as 2.000 pezas recibidas, procedentes de máis de 90 países, o que dá unha idea da repercusión que ten este festival”.

Santomil tamén destacou que “este ano o festival está aberto ao alumnado dos centros escolares do concello. Deste xeito, nas mañás do xoves 15 e do venres 16 proxectaranse varios filmes dirixidos exclusivamente ao alumnado dos colexios de Ames. O obxectivo que se persegue é que a rapazada colla gusto polo cine e se anime a acudir, xunto as súas familias, ao resto de sesións que se realizarán ata o domingo 18 de novembro”.

A primeira tenente e alcaldesa en funcións, Genma Otero, dixo que “para Ames é un orgullo ser un referente neste tipo de iniciativas. Hai que darlle as gracias ao departamento de Cultura e Educación pola organización deste evento que encherá de rapaces e rapazas as Casas da Cultura para ver cine”. Asemade, ao igual que o resto de participantes na presentación, avogou por incluír materias como o teatro e o audiovisual dentro da ensinanza pública, porque son de grande axuda na posterior vida persoal e laboral.

Por outra banda, a vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, incidiu en que “se trata dunha iniciativa única e singular para que a rapazada se afaga a ver cine. A través deste festival preténdese que os rapaces e rapazas poidan ver cine menos comercial, filmes en galego, pero tamén doutros moitos países para que poidan coñecer a súa cultura e as súas costumes. Animámosvos a que acudades a Cinema Crianza e a que vaiades ao cine moito máis, porque é unha forma de viaxar sen moverse da cadeira”.

"Ademais da súa dimensión lúdica, o cine actúa como un recurso moi útil para a educación e a creatividade", salientou Cristina Fiaño. "Cremos que un festival coma este debe servir como elemento transmisor da diversidade do cinema infantil axudando a fomentar a curiosidade dos nosos nenos e nenas", engadiu o director do Festival, Marcos Nine.


Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Rolda de prensa de presentación de Cinema Crianza cuns invitados moi especiais"
Lindeiros: " Ames presenta a segunda edición de Cinema Crianza"
El Correo Gallego: "Cinema Crianza ofrece 73 películas infantiles del día 15 al 18 en Ames"
El Correo Gallego: "Presentación do festival Cinema Crianza en Bertamiráns "
La Voz de Galicia: "Cinema Crianza proyectará más de 70 filmes en Ames la próxima semana"